XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as listas provisionais das escolas infantís de Conxo e Fontiñas

10/05/2011 A Xunta de Goberno aprobou provisionalmente as listas de admisión e agarda nas escolas infantís municipais de Conxo para o curso 2011-2012. Na mesma sesión deuse o visto bo a un orzamento de 180.002 euros para as festas da Ascensión, que nesta edición teñen o seu día grande o 2 de xuño.

As listas de admitidos e de agarda poderán consultarse no taboleiro xeral do Concello, no Departamento de Educación e Xuventude e nas Escolas Municipais. Os solicitantes que o desexen poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas, debidamente documentadas, no prazo de dez días contados dende a data de publicación da relación provisional.

Tamén no ámbito educativo, aprobouse un orzamento de 37.999 euros e iniciouse o procedemento para contratar o servizo da Escola de Verán de Inglés (English Summer School). Esta actividade celebrarase do 1 ao 29 de xullo no IES Rosalía de Castro e os seus destinatarios son rapaces de 6 a 15 anos.

Festas
A proposta do concelleiro de Festas, aprobouse un orzamento de 180.002 euros para as Festas da Ascensión. O programa será presentado en rolda de prensa por Xosé Baqueiro o mércores 11 de maio.

Precisamente en relación a esta celebración, adxudicouse o contrato de concesión de bens para a colocación na Alameda dos postos, por un total de 116.024 euros. Neste caso o contrato abrangue tamén as festas do Apóstolo.

Ademais, o Goberno local aprobou a ampliación do horario dos establecementos de hostalería nunha hora os días 2, 4 e 5 de xuño.

Deportes
En Deportes, iniciouse o procedemento para contratar a concesión das instalacións de tenis e pádel da zona de Sar. Fíxase un canon anual fixo mínimo de 15.000 euros e un canon anual variable como mínimo do 1% da recadación total obtida polo concesionario.

Outro acordo na materia a apertura da convocatoria de subvencións das escolas deportivas, por un total de 20.000 euros. Nesta convocatoria poden participar os centros de ensino públicos e concertados de primaria do municipio, a través de clubs deportivos. Tamén se ratificou un gasto de 18.000 euros para o mantemento de instalacións deportivas.

Cultura e Centros Socioculturais
Na mesma sesión aprobouse o proxecto modificado das obras do Centro Sociocultural de Santa Marta, por 98.623 euros, e a adxudicación do mesmo ao adxudicatario principal. Este cambio supón a ampliación do prazo de execución de tres meses e 28 días, rematando as mesmas o 20 de xuño.

En relación a esta mesma instalación, iniciouse o expediente para contratar o subministro e instalación de alumeado na sala de exposicións, cun tipo de licitación de 40.000 euros.

Benestar Social
A Xunta de Goberno tamén deu o visto aos convenios coas seguintes entidades sociais e pólas cantidades que se indican: Centro Cultural Xoán XXIII, 17.177euros; USC (Programa ruptura de parella, non de familia), 25.500 euros; Cruz Vermella, 11.000 euros; Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, 2.705 euros; e Cáritas, 35.000 euros.

Ademais, a Concellería de Benestar Social e Igualdade solicitará á Secretaría Xeral de Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia tres subvencións, por importe de 120.876 euros, ao abeiro da convocatoria en materia de igualdade. Empregaríanse para programas de promoción da igualdade, de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, de fomento da conciliación e de apoio ao Centro de Información ás Mulleres (CIM).

Reforma Administrativa
No ámbito da Concellería de Reforma Administrativa, acordouse proceder á contratación do subministro e posta en funcionamento da sede electrónica do Concello. O tipo de licitación é de 47.000 euros.

Procedeuse igualmente a adxudicar a adquisición de dous módulos software para a xestión de atestados por parte da Policía Local, por 14.632 euros. Estes programas permitirán por en marcha servizos de e-administración, como a descarga previo pago dos atestados por parte dos interesados a través da web municipal ou a comunicación de datos estatísticos á Dirección General de Tráfico (DGT).

Ademais, acordouse a ampliación e revisión de prezos do contrato do servizo de limpeza nos edificios e dependencias do Concello. O importe final do contrato é de 824.825 euros/ano.

Participación Cidadá
Outro dos acordos do Goberno local foi a aprobación das bases da convocatoria de subvencións ás asociacións veciñais. Destinaranse 55.250 euros a estas axudas.

Promoción Económica
Finalmente, ratificáronse as bases e unha subvención de 44.752 euros para unha convocatoria destinada á realización de actividades de promoción e dinamización comercial no Concello de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: