ALCALDÍA

A Procesión das Cruces reviviu o rito da consagración da Catedral 800 anos despois

07/05/2011 A Catedral de Santiago acolleu a celebración litúrxica de conmemoración do 800 Aniversario da basílica compostelá. A chamada Misa da Dedicación comezou co Itinerarium Crucis, unha procesión polas naves da Catedral coa que se recordaba o percorrido feito polo arcebispo Pedro Muñiz en 1211 para bendicir as doce cruces.

Ao arcebispo compostelán, Julián Barrio, acompañárono na procesión, entre outras autoridades, polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A comitiva percorreu a nave central, a nave lateral esquerda, a nave de Praterías, o Deambulatorio, a nave da Azabachería, a nave lateral dereita, o Pórtico da Gloria e a nave central. A nota musical puxérona as pezas compostas especialmente para esta procesión polo compositor Joán Trillo, recuperando polifonía inédita da época, acorde cos textos orixinais das cruces.

Na mañá do xoves da segunda semana de Pascua do ano 1211 o arcebispo de Santiago, Pedro Muñíz, oficiou o longo rito da dedicación da Catedral. As pegadas que perduran daquela cerimonia son as doce cruces que marcan un singular percorrido polas naves da Catedral.

O arcebispo foi unxindo e incensando as cruces unha por unha. Ao iluminalas coas velas, fíxose patente a beleza destas cruces compostelás, que chaman a atención especialmente polas súas inscricións. Son unha serie de dísticos latinos, de caracter conmemorativo uns e de significado espiritual outros.

Daquela data conservouse a Acta de Consagración, transcrita coa testificación do notario que tivo ante os ollos o documento orixinal. Estivo presente o último rei de León, Alfonso IX, que promoveu o acontecemento acompañado do seu fillo, o príncipe Fernando, do seu irmán Sancho e dos principais magnates do reino. A acta está subscrita por Pedro IV e os bispos asistentes. Nesta ocasión o rei fixo importantes doazóns á Catedral, tal como consta no documento.

Tras a procesión celebrouse o acto litúrxico, no que Julián Barrio pronunciou a súa homilía. Desta vez non houbo ofrenda ao Apóstolo.

Compartir: