CULTURA

Corenta curtametraxes de catro seccións para comezar a VIII edición de Curtocircuíto

06/05/2011 Coa proxección de 40 curtametraxes arranca o Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto na súa VIII edición, organizado pola Concellería de Cultura e Centros Socioculturais.

Das 40 curtas que se poderán ver na primeira xornada do 7 de maio, 29 compiten na Sección Oficial nas categorías de Internacional e Compostelae. Os filmes destas categorías proxectaranse sempre no Teatro Principal (rúa Nova, 21) e no Salón Teatro (rúa Nova, 34). En canto á programación paralela, -que sempre se proxectará no Centro Sociocultural Novacaixagalicia, na Praza de Cervantes 17- veranse cinco curtas do Reino Unido, que é o país convidado este ano e, dentro da sección paralela Seteampunk –non competitiva-, proxéctanse seis curtametraxes na xornada de sábado.

E non pode faltar a música e o lecer para todos e todas. Así, o sábado 7, será no pub A Reixa (na rúa de Mazarelos 9), onde se poida gozar dunha sesión ‘party’, que se denomina Happy hours, é dicir, Horas felices, que son festas e sesións de DJ que animarán Compostela nas noites que dure Curtocircuíto.

Nesta VIII edición de Curtocircuíto, son un total de 3.081 curtas recibidas de 92 países de todos os continentes. No Concurso Internacional competirán 43 curtas das 2.538 inscritas, e que está distribuído en sete programas. Unha selección das mellores curtametraxes que se fixeron o ano pasado: as máis frescas, actuais e sorprendentes tendencias da escena internacional.

No concurso Explora foron 32 as curtas seleccionadas, e tres os programas establecidos. Unha ampla e variada selección de filmes experimentais, indispensables para estímulos visuais arriscados, sorprendentes e inquietantes.

No concurso Compostelae –innovación este ano-, inscribíronse 543 curtas, e foron seleccionadas 22. Conta con catro programas. Unha oportunidade para afondar na imaxinación dalgúns dos directivos con máis talento de toda España.

Todas as curtas en concurso proxectaranse en versión orixinal subtituladas en galego, e a sección paralela, subtituladas en galego ou castelán indistintamente.

E continúa aberta a exposición de orixinais de cómic –banda deseñada- do ourensán David Rubín, que leva por título Un acto heroico.

Documentos relacionados



Compartir: