CULTURA

Uxío Broullón, gañador do deseño da imaxe da VIII edición de Curtocircuíto, recibirá o premio na inauguración do Festival

05/05/2011 O venres 6, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, inaugúrase o Festival Internacional de Curtametraxes, Curtocircuíto, na súa xa VIII edición. Ao acto asistirán tanto unha representación da organización do Festival e da Concellería de Cultura como os responsables da produción do mesmo e da produtora Ficción Producciones, ademais do director do certame, Tim Redford.

É a primeira vez que o Festival Curtocircuíto presenta a súa Semana Oficial cunha gala de inauguración, na que se darán a coñecer as principais actividades que terán lugar durante a semana grande das curtas en Santiago de Compostela. Ademais, no transcurso deste acto farase entrega do premio ao gañador do concurso de carteis da imaxe de 2011 para o Curtocircuíto, que convocara xa en 2010 a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais. O gañador desta edición foi Uxío Broullón, autor do cartel polo que optou o xurado, composto por membros do Auditorio de Galicia e do equipo do Festival.

Tim Redford, director de Curtocircuíto, definiu o cartel gañador como "moi simple, pero con moita forza, que rompe a imaxe oficial do Festival". Pola súa banda, o autor explicou a súa proposta como "un trampolín para os que participan no Festival, porque pode supoñer un salto na súa carreira. E tamén que o traxe de superheroe ten o sentido de que todos os que fan curtas son en certo xeito heroes, porque loitan por sacar adiante un proxecto polo que en principio non van gañar nada".

Uxío Broullón (Cangas, 1971) é ilustrador e deseñador gráfico. Estudou na Escuela de Arte nº 10 de Madrid, e fixo numerosos carteis e ilustracións para distintos proxectos. Traballou en Acordar e Vieiros e publica viñetas no blog homedareia.blogspot.com.

Tras o acto oficial, ás 21:00 horas, o grupo de Ponteareas, Colectivo Oruga, ofrecerá un vídeo-concerto para amenizar esta gala. Este Trío electro-rock vén de presentar o seu novo disco Too Manu Knobs no programa Siglo 21 de RNE, todo un punto de referencia para os amantes da música electrónica.

Compartir: