PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Novas actuacións e agasallos no marco da campaña "Divírtete mercando!"

05/05/2011 Seguen as actividades da campaña Divírtete mercando! De compras e algo máis...participa na primavera do Ensanche, organizada pola Concellería de Participación Cidadá en colaboración coa Fundación Santiago Centro. O venres 6 e o sábado 7 haberá novas actuacións nas rúas Ramón Cabanillas e Xeneral Pardiñas. O obxectivo desta campaña é dinamizar as rúas e as compras no Ensanche a través de espectáculos e agasallos directos.

O venres 6, ás 19:00 horas, na rúa Ramón Cabanillas, actuará Turnes-Legido-García. Trátase dun trío afincado en Compostela, cidade na que se coñecen estes tres músicos e inician a súa carreira como trío en 2008. Ofrece un espectáculo no que se dan a man o flamenco e o jazz, rico en matices, pero sen perder o aire propio da música flamenca.

Ao día seguinte, á mesma hora, pero en Xeneral Pardiñas, os encargados de animar a tarde serán Najla Shami & Héctor Lorenzo, un dos grupos vocais máis recoñecidos en Compostela. Dúas grandes voces, dous estilos moi diferenciados que se unen aquí para interpretar temas de creación propia, así como para realizar versións grandes temas de rock, blues, MPB...

Agasallos directos
As actuacións son sempre a pé rúa, en horario comercial, e todos os composteláns que se acheguen a velas terán ademais la posibilidade de obter regalos directos por comprar nos establecementos de Santiago Centro. Así, durante as actuacións repártense entre o público unhas papeletas con catro ocos para selar nos comercios do Centro Comercial Aberto. Os selos conséguense por compras superiores a 20 euros, e unha papeleta completa dá dereito a un premio directo que se pode recoller nas oficinas da Fundación Santiago Centro ata o 20 de maio en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas.

Éxito das primeiras actuacións
A Campaña comezou con grande éxito o venres 29 de abril, coa actuación do Coro da Ra. Esta agrupación vocal a cappella utiliza a performance e o teatro para cantar en calquera situación e localización. Así, percorreron toda a rúa da República do Salvador, actuando diante e incluso dentro de moitos dos establecementos comerciais que forman parte de Santiago Centro, para sorprender a comerciantes e viandantes. Finalizaron na praza Roxa, onde reuniron a numeroso público.

A mañá do sábado 30 non perdeu intensidade grazas a Os Sete Magníficos mais 1, compañía galega de clown que leva cinco anos levando os seus espectáculos por rúas, prazas e teatros nacionais e internacionais. Percorreron os establecementos infantís asociados a Santiago Centro da rúa Alfredo Brañas sacando risas a grandes e pequenos. Finalizaron a súa actuación no parque de Ramírez.

Compartir: