URBANA SANTIAGO NORTE

Trinta e catro veciños das vivendas de protección social de Salgueiriños participaron nun obradoiro de convivencia

05/05/2011 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte – Servizos Sociais desenvolveu os pasados 26 e 28 de abril os obradoiros Nova Vivenda – Nova Vida, destinado á veciñanza das vivendas de protección social de recente adxudicación no barrio de Salgueiriños. Nestes obradoiros, celebrados na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES), participaron 34 persoas.

Nunha primeira fase, o Equipo de Dinamización Social xa realizara visitas a todos os domicilios dos tres bloques para detectar as necesidades que os veciños e veciñas puideran ter. A partires desas demandas expresas deseñáronse estes obradoiros, que serviron para informar, asesorar e orientar á veciñanza sobre diferentes aspectos relativos á súa vivenda: dereitos e deberes, réximes de aluguer e propiedade, pago de recibos...

Un dos obxectivos principais destes obradoiros era fomentar a relación entre os veciños, implicándoos na boa convivencia na comunidade.

O primeiro día do obradoiro serviu para coñecer os dereitos e deberes que tanto propietarios como inquilinos teñen ao ser adxudicatarios destas vivendas. No segundo día, entre outras cousas, facilitáronse técnicas para un consumo responsable e económico, tanto nas zonas comúns dos bloques como na propia vivenda.

Co fin de facilitar ás familias a participación nestes obradoiros ofreceuse un servizo de atención a infancia no que participaron 14 menores e cos que se realizaron dinámicas lúdicas e educativas.

A participación a estas xornadas foi moi elevada, xa que acudiron un total de 34 persoas, sendo valorada esta iniciativa polos/as participantes como moi satisfactoria.

Compartir: