CONSORCIO

Vegalsa-Eroski asina o acordo polo que se converte nun dos patrocinadores do 800 aniversario da Catedral de Santiago

05/05/2011 O presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, asinaron o acordo polo cal a empresa pasa a ser patrocinadora do 800 aniversario da Catedral de Santiago. Vegalsa colaborará nos diferentes actos programados con motivo da efeméride e no plan de obras de restauración que se realizarán na Catedral e que están contempladas no seu Plan Director.

O oitavo centenario da Catedral de Santiago de Compostela é un evento recoñecido como de excepcional interese público polo Goberno de España e xestionado dende o Consorcio de Santiago, que lidera deste xeito o programa de apoio ao evento. Este programa de apoio concrétase nunha serie e incentivos e bonificacións fiscais que se aplican ás empresas e entidades privadas que participan como patrocinadores no desenvolvemento da conmemoración, que xirará sobre dous eixes: o financiamento de obras de restauración contempladas no Plan Director da Catedral e unha programación cultural específica. Trátase polo tanto dun programa que aposta pola acción cultural no patrimonio.

Esta iniciativa englóbase dentro do Plan de Responsabilidade Social Corporativa de Vegalsa-Eroski, que aposta polo desenvolvemento da cultura galega. Un compromiso adquirido que xa deixou patente o pasado exercicio co patrocinio do Xacobeo 2010 e coa súa participación nunha serie de acontecementos culturais programados con motivo do Ano Santo Compostelán, como foi o caso do Festival de Música Vía Stellae, unha referencia a nivel nacional e internacional da música barroca. Un destes concertos foi o de Lles Arts Florissants, dirixido por William Christie, e que supuxo a estrea galega de dúas ópera-ballet do francés Jean-Philippe Rameau, baseadas nas historias de Anacreonte e Pigmalión.

Vegalsa-Eroski conta en Galicia con 239 establecementos entre propios e franquiciados, baixo as insignias de Eroski/Center, Eroski/City, Autoservicios Familia, a súa franquicia Aliprox e os establecementos almacenistas Cash Marca. A súa estrutura comercial na nosa comunidade esténdese polas catro provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro (A Coruña), dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.

Compartir: