CULTURA

Novas seccións que abordan a realidade social na VIII edición de Curtocircuíto

04/05/2011 Cine-concerto na inauguración, modificacións na sección Compostelae, un concurso das escolas galegas e un encontro dos centros audiovisuais de Galicia e novas seccións sobre temática social son as novidades deste VIII edición de Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes. O evento, que comeza o veneres 6 de maio, foi presentado pola concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; Tim Redford, director do Festival, e Jorge Coira, director de cine e membro do xurado das distintas competicións.

Socorro García Conde destacou que nesta edición se recibiron máis de 3.000 curtametraxes procedentes de 92 países dos cinco continentes, o cal vén a confirmar o afianzado que está o festival internacionalmente. Destas curtas, o xurado elixiu o 3% para que estean presentes nesta Semana Oficial. Ademais do elevado número de curtametraxes presentadas, a concelleira tamén quixo salientar a incorporación de numeroso países participantes como Palestina ou os países balcánicos.

A edil subliñou que "cantos máis países se presenten máis posibilidades teremos de coñecer a súa creatividade, así como a súa realidade social a través da linguaxe audiovisual". Falando de realidade social, salientou a concelleira as novas seccións dedicadas precisamente a iso, a curtametraxes que "abordan diversos temas da nosa realidade o que axudará a que o audiovisual contribúa a facernos reflexionar e incluso a camiñar cara unha sociedade máis xusta, igualitaria e concienciada".

Pola súa parte, Tim Redford, director do Festival, presentou a programación completa desta edición, con seccións habituais como o Concurso Internacional, o Concurso Explora e o Concurso Compostelae. Este ano, este último ten unha novidade: as curtametraxes galegas compiten xunto coas estatais, e non por separado, como viña sendo ata agora. Como novidade tamén, anunciou que este ano o Festival durará un día máis que nas pasadas edicións, incorporando tamén por vez primeira, na inauguración do día 6, ás 20:30 horas no Teatro Principal, un concerto que mestura cine e música, co grupo Colectivo Oruga que ofrecerá un vídeo-concerto a todos os asistentes.

En canto ás novidades temos tamén o Concurso Escolas Galegas, que permitirá competir as mellores curtas feitas nas escolas galegas no último ano, e o Encontro dos Centros Audiovisuais de Galicia, que se concreta na dedicación dun día completo á formación e coñecemento do sector da curtametraxe. Ademais, o día 12, dentro da sección Compostela Guión, celebrarase unha sesión de Pitching, de cara a ensinar aos novos creadores como vender un proxecto dunha curta aos compradores e inversores potenciais. Por último, Tim Redford confirmou que se celebrará diariamente unha festa específica con DJs profesionais.

A sección paralela inclúe nesta edición 12 programas: Escolas Galegas; Panorama Galicia; País Convidado, que este ano será o Reino Unido; We Can be Heroes; Público Novo; Steampunk; A Cor da Auga; Becoming Fesser; 25 Anos EICTV; 20 Aniversario Colectivos LGBT Compostela; Bonecas Inchables; e Vídeos Musicais. E dentro do Mercado Internacional de Curtametraxes, inclúese este ano o Encontro dos Centros Audiovisuais de Galicia, o Día Galego, o Obradoiro Curto-Visión AS Computer e o xa tradicional Compostela Guión. A noite terá tamén moita vida en Curtocircuíto, con festas, DJs, Concertos e Happy Hour. Ademais, dentro da programación e aberta xa ao público está a exposición de orixinais de David Rubín que baixo o título Un Acto Heroico, poderá visitarse na Zona "C" de Bonaval ata o 26 de xuño.

Os xurados
Jorge Coira, director de cine e membro do Xurado Compostelae, falou do papel dos distintos xurados -12 en total- que integran este ano Curtocircuíto. Salientou a calidade profesional de cada un dos membros, o recoñecido prestixio internacional en cadansúa profesión dentro do sector audiovisual, e fixo fincapé en que a calidade dos traballos vaise incrementando cada ano, co cal, dixo ser consciente de que os xurados non o terán doado, aínda que asegurou que isto máis que un atranco, era un avance constatable da importancia que acada o formato da curtametraxe. Formato que é asumible tanto para creadores individuais como para pequenas produtoras e autónomos que teñen a necesidade de comunicar con imaxes e texto as súas ideas.

Como membros dos diferentes xurados, falou de Phill Mulloy (Reino Unido), Laura Riu Llena (España) ou Yumey Besú Paio (Cuba), que forman o Xurado Internacional. O Xurado Explora intégrano Ruth Cantarero, Agar Ledo e David Rubín. Piluca Baquero e Eduardo Chapero-Jackson, acompañan ao propio Jorge Coira no Xurado Compostelae. E nomeou tamén os restantes Xurados, salientando o Xurado Novo, integrado por Álex Valiño, María Barreiro, Manuel Pombo e Humberto Corral, que teñen entre 22 e 25 anos.

Os premios
En canto aos premios que se establecen este ano, temos:
- Competición Internacional: Mellor Ficción Internacional, Mellor Animación Internacional, Mellor Documental Internacional e Mención Especial do Xurado Novo á Mellor Curta Internacional.
- Na Competición Explora: Gran Premio Explora e Mención Especial Xurado Novo á Mellor Curta Explora.
- En Competición Compostelae: Mellor Ficción Compostelae, Mellor Animación, Mellor Documental e Mención Especial do Xurado á Mellor Curtametraxe.
- E os Premios Especiais establecidos son: Premio á Mellor Curta Galega, Premio do Público, Premio RTP-ONDA CURTA (Onda Curta e RadioTelevisión de Portugal), e Premio Escolas.

Direccións relacionadas



Compartir: