BENESTAR SOCIAL

O Concello ofrécelle a ABAGAL un lugar na Casa das Asociacións de Benestar Social e colaboración nalgún dos seus programas

02/05/2011 A Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (ABAGAL), inicia no mes de maio unha campaña intensiva para sumar un maior nivel de compromiso social na sensibilización sobre os trastornos da conduta alimentaria. Esta iniciativa foi presentada no Concello pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín, acompañada polo presidente e a psicóloga de ABAGAL, Manuel Rozados e Áurea Brea.

A concelleira explicou que a entidade desenvolve actualmente o seu labor nun local cedido polo Concello en Conxo, pero que se lle ofreceu que fixen a súa sede na Casa das Asociacións de Benestar Social, con instalacións máis axeitadas para o seu traballo. Ademais, estudaranse fórmulas de colaboración nalgúns dos programas que realiza ABAGAL.

Segundo explicaron os responsables da Asociación, a campaña que inician en maio pretende sensibilizar á opinión pública sobre as consecuencias dos trastornos alimentarios. Ademais, queren implicar ao tecido empresarial para que colaboren cos fins de ABAGAL financiando algunha da actividades recollidas no Plan de Acción 2011.

Coa finalidade de sumar apoios económicos e colaboracións ao proxecto, ABAGAL tamén realizará a súa Gala da Diversidade, que cumpre xa a súa quinta edición. Será o xoves 19 de maio, ás 20:00 horas, no Instituto Politécnico Rosalía de Castro. Para os que non poidan asistir e mercar a entrada, haberá unha Fila 0.

Eixes de actuación
Como novidade, ABAGAL aborda este ano a primeira fase dunha investigación sobre a prevalencia dos trastornos da conduta alimentaria na poboación galega, que achegará unha información moi necesaria sobre a incidencia en Galicia.

A Asociación desenvolve a súa acción a través de cinco eixes de actuación:
- Grupo de autoaxuda para nais e pais.
- Atención psicolóxica individualizada (48 usuarios).
- Prevención en poboación infantil e adolescente (aplicación do programa en 40 centros galegos).
- Obradoiros e charlas para nais e pais de escolares.
- Conferencias e cursos (15 relatorios).

En 2011 engádese tamén:
- Grupo de autoaxuda para mulleres afectadas por trastornos da conduta alimentaria.
- Grupo de autoaxuda para pacientes obesos.

ABAGAL ten estimado o custe anual deste Plan de Acción en 177.600 euros. Para facer fronte a estes servizos de maneira axeitada e duradeira no tempo, consideran necesaria a contratación permanente dun profesional da psicoloxía, xa que ata agora só poden sufragar nove meses de atención e o psicólogo debe renovarse ciclicamente. Tamén precisan un traballador social.

Compartir: