EDUCACIÓN

Un itinerario didáctico guía aos escolares na exposición de Bal y Gay

16/02/2006 Co gallo do centenario do nacemento de Bal y Gay, a exposición "Jesús Bal y Gay. Tientos e Silencios 1905-1993"
que estará no Pazo de Fonseca ata o 5 de marzo, reconstrúe a biografía do músico, musicólogo e intelectual lucense mediante un percorrido polas diferentes etapas da súa vida e da súa obra ensaística e musical.

Seguindo unha estructura cronolóxica, as obras, fotografías e documentos reunidos nesta exposición permiten seguir a brillante e polifacética traxectoria intelectual e artística de Bal y Gay dende o seu Lugo natal ata o seu regreso a España despois de case tres décadas no exilio.

O itinerario didáctico previsto para a exposición percorre os seguintes aspectos biográficos:
-Nenez e mocidade en Lugo (1905-1924)
-Relación co mestre Manual de Falla ( 1926-1946)
-Galicia (1926-1935)
-Madrid e a Residencia de Estudiantes (1924-1935)
-Cambridge (1935-1938)
-México (1938-1965)
-De regreso a España (1965-1993)

Durante o percorrido pola exposición os rapaces descubrirán libros, documentos, obra plástica, partituras, revistas, obxectos persoais de Bal y Gay, fotografías, etcétera … que lles permitirán coñecer máis de preto a vida e a obra deste intelectual galego tan prolífico.

Para facilitar o acceso dos centros de ensino realízanse visitas guiadas á exposición, en horario de mañá e de tarde.

Como complemento da exposición está programado un ciclo de concertos e outro de conferencias sobre a figura de Bal y Gay, que nos permitirá coñecer e disfrutar con maior profundidade a obra do homenaxeado. Ambas propostas están destinadas para o público en xeral.

A exposición de Bal y Gay está organizada pola Sociedad Estatal de Commemoraciones Culturales en colaboración coa Xunta de Galicia, as institucións que integran Lugo Cultural (Universidade de Santiago de Compostela, Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo e a Fundación Caixa Galicia) así como a Residencia de Estudiantes de Madrid.

Documentos relacionados



Compartir: