BENESTAR SOCIAL

Vintesete xitanos de Santiago atoparon traballo grazas ao programa Acceder

16/02/2006 A Fundación Secretariado Xitano, en colaboración coa Concellería de Benestar Social, está a desenvolver desde hai un ano o Programa Acceder, que busca impulsar o acceso da poboación xitana á formación e ó emprego normalizados a través da posta en marcha de dispositivos adaptados e integrados de emprego.

O programa Acceder destinase á poboación xitana potencialmente activa, especialmente entre 17 e 35 anos, e consta de diversas acccións formativas, socio-laborais e de emprego. O xoves 16 a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, xunto Santiago González, coordinador da Fundación Secretariado Xitano, e a mediadora Amparo Jiménez, fixeron balance da posta en marcha deste programa, no ano 2004.

Os obxectivos xerais que persigue este programa son:
-A cualificación profesional e o acceso de xitanos e xitanas a profesións e empregos.
-O achegamento e adaptación dos servicios xerais de formación profesional e emprego aos xitanos e xitanas desempregados.
-A sensibilización sobre os prexuízos e prácticas discriminatorias das que os xitanos e xitanas son víctimas.
-A xeneralización de políticas máis activas para a comunidade xitana con obxecto de mellorar as súas condicións de vida.

Balance do 2005
No ano 2005, 138 persoas foron atendidas polo dispositivo de Santiago. Destas, 26 foron non xitanos, e 112 xitanos, dos que 104 atópanse actualmente en procesos de Orientacion Laboral. Durante o ano pasado houbo 41 contratos que corresponden a 27 persoas, a maior parte contratadas para o sector servizos, seguidos polo transporte, o reparto e a construción. Destas, 19 accedían por primeira vez a un emprego.

Compartir: