SANIDADE

O refuxio de Bando deu máis animais en adopción que recolleu no que vai de ano

15/02/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Sanidade, Elvira Cienfuegos, visitaron o mércores 15 de febreiro ás 12 horas o refuxio de animais de Bando, que comezou a funcionar a principios de 2005 con carácter municipal. Prevese que a partir do vindeiro mes de marzo o refuxio pase a acoller animais doutros municipios da comarca.

Desde que se puxo en marcha o refuxio, ingresaron nel perto de mil animais, na súa maioría cans, pero tamén gatos e doutras especies. Dos animais que entraron no refuxio, saíron ou faleceron 700, se ben a meirande foron adoptados. O dato máis positivo é que desde finais de 2005 e ata o que vai de ano, saíron do refuxio máis animais en adopción que entraron.

O alcalde compostelán sinalou que a construción do refuxio "era unha asinatura pendente" e que está a funcionar, grazas ao traballo de técnicos e voluntarios, dun xeito moi positivo. A concelleira de Sanidade, Elvira Cienfuegos precisou que os animais que saen do refuxio están desparasitados, vacinados, con microchip os que o precisan e esterilizados. Tamén explicou que hai que "seguir insistindo na reducción de abandonos" posto que "o refuxio está sempre saturado".

O refuxio conta cunha completa páxina web que amosa as súas instalacións e aos seus "hóspedes" e, sobre todo, facilita a adopción de animais.

Actualmente, viven transitoriamente no refuxio arredor de 240 cans. Nas instalacións de Bando, aquela persoa que queira adoptar un can recibe consellos sobre que tipo de can é o máis axeitado conforme aos seus hábitos e como atendelo correctamente. Hai poucos meses organizáronse cursos de adestramento e de coidado de animais.

Prevese que a finais deste mes se poña en marcha a Fundación Comarcal Refuxio de Animais de Bando, a través da que tres concellos da comarca, Ames, Boqueixón, Brión e Vedra contribuirán ao mantemento do refuxio, que á súa vez comezará a acoller aos cans deste municipios (aínda que xa foron recollidos 51 animais do concello de Ames). Con esta fórmula facilítase a participación das administracións públicas e das entidades privadas, e ademais permite que se aporten donacións económicas.

Cada día, unha media de dous cans son abandonados no noso concello. En España, abandónase cada ano uns cen mil cans. O refuxio de Bando quere darlle unha segunda oportunidade a estes animais que acabaron sendo abandonados polos seus donos, convertíndose así nun fogar transitorio á espera dunha nova familia que os acolla.

Direccións relacionadas



Compartir: