TRANSPORTE PÚBLICO

O plan de transporte comarcal achegará melloras do servizo

10/02/2006 O Concello de Santiago someterá á aprobación do Pleno municipal o xoves 16 de febreiro o convenio para o desenvolvemento do transporte metropolitano na área de Compostela. A posta en funcionamento do transporte metropolitano comarcal, que implicará novidosas melloras para o usuario, podería completarse antes do verán.

Segundo explicou o concelleiro delegado de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga, trátase dun plan de transporte "case idéntico" ao aprobado en 2005, aínda que incorpora avances principalmente "no deseño das penetracións na cidade e das paradas, dotación de infraestructuras e novos servizos así coma das tarifas".

Leiceaga considera que os beneficiarios desta actuación serán os cidadáns de Santiago e da súa área metropolitana. "Co bono do transporte, engadeu, os usuarios terán unha tarifa de 0.67 euros por viaxe de xeiro que a diferenza con respecto ao prezo actual será asumida pola administración autonómica e polos concellos afectados".

Con esta medida o transporte público faise "máis asequible para os cidadáns" fronte ao uso do transporte privado encarecido, nos últimos tempos, pola suba do prezo do petróleo.

Este Plan de Transporte Comarcal permitirá o acceso ata o centro da cidade das liñas procedentes de Os Ánxeles, Milladoiro, Sigüeiro, Pontevea, A Ramallosa e Cacheiras.

No que respecta ao corredor de Pontevea, A Ramallosa e Cacheiras, o concelleiro destacou que se prestará "un servizo cada media hora" e que, é neste corredor, "onde se vai percibir con maior nitidez a mellora do transporte". Todas estas conexión terán como cabeceira a rúa da Rosa o que, segundo explicou Leiceaga, "non vai supoñer alteracións no tráfico da zona".

O Concello de Santiago prevé instalar 10 marquesiñas nas zonas como Sigüeiro, Santa Lucía, Marrocos, Villestro e San Vicente de Marantes. Tamén se acondicionará a rúa da Rosa con marquesiñas e con mecanismos de información. Tódalas actuacións que se realicen ao respecto buscarán que "o servizo se desenvolva dun xeito ordenado e coordinado".

Unha vez que os correspondentes plenos municipais dos municipios afectados aproben o Plan de Transporte metropolitano na área de Santiago, deberá ser aprobado polo Consello de Goberno da Xunta de Galicia. A partir da súa aprobación por este órgano cóntase cun prazp de tres meses para implantalo, polo que o Fernández Leiceaga espera que "estea en marcha antes do verán"..

Unha vez cos novos servizos en funcionamento analizarase a posibilidade de introducir melloras, xa que dende o Concello de Santiago considérase que "este plan é un punto de partida e non de chegada". Unha proba desto é que unha vez que as novas liñas empecen a funcionar e se teña unha estimación dos usuarios do transporte metropolitano e o urbano, estudarase a posibilidade de introducir o billete único.

O concelleiro de Trasnportes anunciou que en canto se aprobe o Plan o Concello realizará unha campaña informativa a divulgar as vantaxes do Plan Comarcal de Transportes.

Compartir: