CONSORCIO

Primeiras reunións con colectivos e institucións arredor do 800 aniversario da consagración da Catedral

18/03/2011 Logo da presentación da convocatoria dun masivo acto cidadán dos composteláns coa Catedral de Santiago para o sábado 9 de abril ás 13:00 horas, iniciaronse as reunións sectoriais cos diferentes colectivos e institucións da cidade. O obxectivos destes encontros é promover a participación de todos e facilitar a difusión deste evento.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón Ferreiro; o xerente do Consorcio, Xosé M. Villanueva e o xefe do Servizo de Educación do Concello, Xosé M. Rodríguez-Abella, comezaron estes encontros para dar a coñecer unha iniciativa que actuará como referente e dinamizador desta celebración. A primeira reunión foi cos servizos básicos de seguridade. Logo seguíronlle sendas xuntanzas cos directores dos centros de ensino, cos directivos das escolas de música e agrupacións musicais e coas organizacións de iniciativa social.

O 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago ofrécenos unha nova ocasión para encontrarnos todos os composteláns arredor dunha referencia patrimonial da nosa identidade colectiva. De aí que se pensara nun gran evento cidadán que se denominou Compostela abraza a súa Catedral e que visualizará o apego polo monumento máis representativo de Compostela.

O abrazo á Catedral vai ser unha ocasión para expresar o noso afecto ao templo. A Catedral de Santiago é moito máis que un monumento. Ademais de ser un símbolo emblemático, pode axudarnos, dende unha perspectiva educativa, a coñecer moito mellor a historia da cidade e dos composteláns ao longo dos séculos. Tanto o templo como todas as obras de arte que contén son o signo do que a Catedral foi no pasado e é aínda hoxe: un lugar de vida, de aprendizaxe, de movemento económico e, sobre todo, de culto.

O sábado 9 de abril, ás 13:00 horas, é a cita que nos convoca a todos os cidadáns de Compostela e tamén a quen queira sumarse a esta celebración que 292.182 días despois daquel acto de consagración - desenvolvido na Catedral o 21 de abril de 1211- que vén actuando como un fito da nosa historia colectiva .

Respecto dos labores organizativos deste evento, hai que dicir que para que unha proposta así se poida realizar, necesita do concurso dos servizos básicos de seguridade, agrupacións de voluntariado e profesionais de distintas institucións. Dende hai días estase desenvolvendo un labor de difusión entre todos os composteláns: centros de ensino, institucións culturais, asociacións veciñais, asociacións xuvenís, asociacións de pais, asociacións sociosanitarias, agrupacións musicais, corais… En definitiva, é un convite a toda persoa que ese día queira sumarse a esta iniciativa cidadá.

Por outra banda, como un recurso máis para a dinamización desta celebración, distribuíuse a guía educativa que co título A Arca de Pedra: 800 Aniversario da consagración da Catedral de Santiago de Compostela. Trátase dun recurso didáctico para o profesorado e para os estudiantes de Santiago de todos os niveis educativos que lles facilite o obxectivo de coñecer a Catedral e a historia compostelá.

Ademais, deuse a coñecer o vídeo do Consorcio da cidade de Santiago que de maneira resumida explica o programa dos 800 aniversario, así como o conxunto de actos, exposicións, concertos e a previsión da inauguración de novos equipamentos.

Compartir: