TURISMO

Aumenta a afluencia de turistas estranxeiros no primeiro mes do 2006

08/02/2006 As estatísticas turísticas de xaneiro confirman un crecemento sostido da porcentaxe de visitantes estranxeiros no total de consultas realizadas nas oficinas de turismo municipais. Italianos, alemáns e británicos son as nacionalidades con subas máis espectaculares.

De acordo cos datos de Turismo de Santiago-Incolsa en xaneiro de 2006 recibíronse nas oficinas municipais de turismo da cidade un total de 4.615 solicitudes de información, un 49% máis que no mesmo mes de 2005.

Do total, un 48,5% (2.237 consultas) foron formuladas por visitantes estranxeiros; un 39,3% por españois (1.816 consultas) e un 12,2% por galegos. En comparación con xaneiro do ano pasado, a presenza de consultantes estranxeiros sube un 134% e chega a superar nun 38% a estatística de xaneiro do Ano Xubilar de 2004.

Por orixe, entre os visitantes internacionais, encabezan o cadro de consultas os italianos (21,2%), alemáns (16,2%), británicos (15,9%) e portugueses (8,5%). Os tres primeiros países emisores rexistran crecementos notábeis sobre xaneiro de 2005, do 434%, 359% e 612% respectivamente, ao que sen dúbida contribúe o bo funcionamento das conexións directas co aeroporto de Lavacolla e as campañas de promoción no estranxeiro.

Entre os visitantes nacionais destacan os procedentes de Madrid (12,8%), Cataluña (8,7%), Baleares (7,6%) e Andalucía (5,1%). O maior crecemento corresponde neste caso a Baleares (170% máis que en 2005).

Consultas no aeroporto internacional de Lavacolla
Das case mil consultas atendidas en xaneiro na oficina municipal de turismo do aeroporto, un 73,8% foron formuladas por visitantes estranxeiros, con Italia (22,15%) á cabeza, seguida por Reino Unido (19,6%) e Alemaña (18,5%).

Unha enquisa realizada en xaneiro entre estes viaxeiros permitiu coñecer que o 71,4% tiña reserva de habitación en hoteis, fronte a un 16,9% que se quedaba en hostais, 28,6% un 7,1% en pensións e un 4,5% en albergues.

Por categorías, e seguindo a tónica de meses anteriores, a maioría das reservas de hoteis correspondían a hoteis de 3 estrelas (24,1%), seguidos polos hoteis de 2 estrelas (18,1%) e polos de máxima categoría (17,3%).

Ocupación media e pernoctacións
No que respecta á ocupación media hoteleira de xaneiro, os datos facilitados pola Asociación de Hostalería de Santiago a sitúan nun 23,27%, practicamente idéntica á do mesmo mes de 2005.

Máis interesante resulta observar o crecemento do número de pernoctacións, pois permite poñer en relación a porcentaxe de ocupación coa existencia de case 800 novas prazas hoteleiras máis que en xaneiro de 2005. Así pode estabelecerse que os hoteis composteláns rexistraron o pasado mes 34.670 noites efectivas de aloxamento fronte ás 29.388 de xaneiro 2005. Esta ganancia de 5.282 noites representa un 18% de aumento nas pernoctacións.

Dársena de autobuses e aeroporto de Lavacolla
A Dársena de Autobuses de Xoán XXIII recibiu en xaneiro 145 autocares, un 22,9% máis que no mesmo mes de 2005 (118) e 8,2% máis que en xaneiro do Ano Santo (134).

Turismo de Santiago estimou para o aeroporto de Lavacolla un tráfico duns 130 mil pasaxeiros este pasado mes, cifra que supera nun 25% á obtida en xaneiro de 2005 e marca un inicio de ano moi prometedor para o movemento aéreo da cidade.

A páxina web SantiagoTurismo.com, pola súa parte, recibiu en xaneiro 53.864 consultas, que superan nun 83,8% ás rexistradas en xaneiro de 2005.

Compartir: