TURISMO

Remata o seminario do proxecto Atlante

18/03/2005 O proxecto Atlante ‘Mellorar as Cidades Atlánticas Patrimonio Mundial da UNESCO’, que agrupa a cidades de Portugal e Galicia con declaración de Patrimonio Mundial pola UNESCO -Santiago de Compostela, Lugo, Porto, Guimarães, Évora, Angra do Heroísmo (Azores) e a asociación Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular- celebrou o seu terceiro seminario en Santiago de Compostela entre o 17 e 18 de marzo.

O evento, que reuniu a máis de 50 participantes procedentes da xestión pública e privada, serviu para debater temas como a creación dun modelo de oficina virtual de turismo -proxecto liderado por Santiago de Compostela-, a promoción turística conxunta das cidades patrimonio, o marketing turístico e o desenvolvemento sostíbel nas cidades patrimoniais.

A clausura correu a cargo de Francisco Candela, concelleiro de Turismo de Santiago, quen fixo énfase na importancia das iniciativas suprarrexionais para a mellora da xestión económica, social e ambiental e a conservación das cidades declaradas patrimonios universais.

O seminario estivo precedido o mércores 16 de marzo ás 18:00 horas pola xuntanza do Comité de Dirección do Atlante, integrado por representantes das seis cidades membro e do Eixo Atlántico.

Compartir: