CONSUMO

Unha nova guía da OMIC informa aos consumidores sobre os seus dereitos en materia de seguros persoais

14/03/2011 O concelleiro de Sanidade e Consumo, Andrés Fariña, presentou unha nova guía de seguros con motivo do Día Mundial do Consumidor, que se celebra o martes 15 de marzo. Nesta ocasión a guía céntrase nos seguros de persoas: vida, accidentes, enfermidade, asistencia sanitaria, asistencia en viaxe e xubilación.

Vanse editar 2.000 guías, que se repartirán en centros sociocultural e asociacións veciñais, ademais de na propia Oficina Municipal de Atención ao Consumidor (OMIC). Agárdase que, como nas dúas guías de seguros anteriores, centradas en produtos e servizos, teñan unha moi boa acollida entre usuarios e profesionais. O secretario xeral da Asociación de Consumidores de Galicia, Miguel López, indicou que, con esta guía, "Santiago sitúase á cabeza na información sobre esta materia", destacando a "alta calidade informativa" da publicación.

Segundo López, esta guía servirá para que, por exemplo, "os consumidores coñezan aspectos tan fundamentais como que existe un Rexistro de Seguros de Vida". Así, incidiu en que "hai moita xente que non sabe que ten contratados seguros de vida, como os que están asociados a tarxetas de débito ou crédito".

Tamén se referiu o secretario da ACG aos plans de pensións de xubilación, xa que "puidemos ir vendo nos últimos anos que a súa rendibilidade baixou considerablemente, ata o punto de que algúns asegurados teñen unha dispoñibilidade menor ás achegas feitas durante anos".

443 reclamacións en 2010
Finalmente, o concelleiro de Consumo apuntou algúns datos da OMIC, que en 2010 xestionou un total de 443 reclamacións, 392 por servizos e 51 por produtos. De todas elas, o 40% resolveuse por arbitraxe, o 18% a través da mediación e un 33% foron remitidas aos organismos competentes. Destas reclamacións, 12 fórono en materia de seguros, sendo 10 remitidas aos organismos respectivos e 2 resoltas a través da mediación. A OMIC atendeu 1.479 consultas durante todo o exercicio.

Documentos relacionados



Compartir: