SEGURIDADE CIDADÁ

Normalidade e escasos incidentes na xornada de folga en Santiago de Compostela

27/01/2011 A concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, cualificou de "certa normalidade" o desenvolvemento da xornada de folga en Santiago de Compostela, cuxo seguimento considerou "moderado, por non dicir escaso". Non obstante, producíronse algunhas queimas de contedores, vehículos atravesados na calzada e mesmo vertido de cravos na estrada.

Segundo indicou a concelleira, as primeiras incidencias tiveron lugar despois da media noite, coa presenza de piquetes informativos no Casco Histórico e no Ensanche. Un subgrupo da Unidade de Intervención do Corpo Nacional de Policía encargouse de facer o seguimento destes grupos, sen que se producira ningún incidente salientable, indicou.

Xa en torno ás 4:00 horas, apuntou Álvarez-Santullano, detectouse un vertido de cravos no entorno da depuradora da Pulleira e na avenida de Asturias, os cales foron retirados pola Policía Local. De momento non consta ningunha denuncia por posibles danos a vehículos.

Sobre o transporte urbano, afirmou que os servizos mínimos funcionaron con normalidade dende as 6:00 horas. En todo caso, a edil quixo pedir desculpas en nome do Concello polo feito de que estes servizos mínimos non deran atendido toda a demanda de pasaxeiros presentes nas paradas "precisamente pola escasa incidencia da folga".

Tamén en torno ás 6:00 horas, nas rúas Betanzos, San Pedro, Pelamios e Belvís apareceron vehículos atravesados na calzada, que foron retirados pola grúa municipal para restablecer de inmediato o tráfico. Ademais, queimáronse colectores do lixo en Sar, Castrón d’Ouro, Romaño e Poza de Bar. Nesta última rúa tamén se detectou algún colector atravesado.

Outro aspecto que incidiu brevemente no tráfico foi a queima de pneumáticos na entrada do Milladoiro sobre as 12:00 horas, que orixinou breves retencións en Volta do Castro e na entrada á autopista e á autovía. A situación quedou normalizada sobre as 13:00 horas. Ademais, foron pinchados os pneumáticos dun autobús escolar que prestaba servizo ao IES Xelmírez I.

A presenza de piquetes informativos tanto na entrada do polígono do Tambre como no Ensanche tamén provocou algunha breve retención de tráfico durante a mañá, concluíu a concelleira de Seguridade Cidadá.

Compartir: