EIXO ATLÁNTICO

Bruselas cofinancia con 564.000 euros os proxectos do programa eurorrexional para 2006

30/01/2006 Os alcaldes das 18 cidades que integran o Eixo Atlántico asinarán a Carta de Aalborg.

O Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago será a sede onde se celebrará o martes 31 de xaneiro, ás 10 h oras, a asemblea xeral ordinaria do Eixo Atlántico, na que se aprobarán as liñas estratéxicas nas que se desenvolverán as actividades da organización durante este ano. No 2006 está previsto que o Eixo poña en marcha tres novos programas europeos, financiados con fondos FEDER, por importe de 564.000 euros: Desurb, Siutea e Mobilitas.

Estes programas cofinanciarán as estratexias prioritarias aprobadas polo Eixo con carácter plurianual e que conforman o proxecto político da organización eurorrexional. O alcalde compostelán e presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sanchez Bugallo, será o encargado de presentar as liñas mestras do proxecto, na súa intervención ante a Asemblea Xeral.

Entre as pezas chave desta estratexia atópanse o desenvolvemento sostíbel urbano da eurorrexión, a aplicación das novas tecnoloxías da información á planificación e a xestión municipal, o desenvolvemento do estudo estratéxico e a introducción entre os obxectivos de máxima prioridade a política de actuación en materia de xuventude.

A organización eurorrexional, integrada por as cidades de A Coruña, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo, Vilagarcía, Braga, Bragança, Chaves, Guimaraes, Peso da Regua, Porto, Viana do Castelo, Vilanova de Gaia e Vila Real, asumirá os compromisos da Conferencia Europea sobre Cidades Sostíbeis, asinando a Carta de Aalborg. O acto contará coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, e o Secretario de Estado Portugués de Desenvolvemento Rexional, Nuno García de Pina Neves Baleiras.

A Carta de Aalborg
A Carta das cidades europeas cara a sostibilidade foi aprobada polos participantes na Conferencia europea sobre as cidades sostibles celebrada en Aalborg, Dinamarca, o 27 de Maio de 1994, baixo o patrocinio da Comisión Europea e da Cidade de Aalborg, e organizada polo Consello Internacional para Iniciativas Ambientais (ICLEI). A responsabilidade de elaborar o borrador da Carta foi tomada polo ICLEI e compartida polo Ministerio de Desenvolvemento Urbano e Transporte do Estado Federal de Renania do Norte-Westfalia (Alemaña).

A Carta de Aalborg asinouse inicialmente por 80 autoridades locais europeas e 253 representantes de organismos internacionais, gobernos nacionais, institucións científicas, consultores e particulares. Ao asinar a Carta, cidades, pobos e países europeos comprometéronse a entrar dentro dos procesos da Axenda 21 Local e a desenvolver plans de acción a longo prazo cara o desenvolvemento sostíbel, e iniciaron a Campaña Europea de Cidades e Municipios Sostíbeis.

O borrador da Carta foi discutido por máis de 600 participantes nos 36 talleres da Conferencia de Aalborg. Moitos dos seus comentarios e suxestións foron incorporados ao texto final. Sen embargo, o Grupo Editorial da Carta observou que numerosas propostas de emendas básicas e substanciais merecían unha consideración e discusión máis profunda e non podían ser simplemente incluídas como tema para ser publicado. A revisión das emendas foi finalmente unha tarefa da Campaña de Coordinación, revisando e desenvolvendo máis a Carta e enviándoa aos participantes da Segunda Conferencia Europea sobre Cidades Sostíbeis, celebrada en Lisboa en setembro de 1996.

En maio de 2004, cando se celebrou a Conferencia Aalborg+10, preto de 2.500 concellos e mancomunidades tiñan subscrito este documento.

Os puntos principais dos que trata son os que seguen:
• O concepto e os principios da sostibilidade.
• As estratexias locais carra a sostibilidade
• A sostibilidade como un proceso local, creativo e de busca do equilibrio.
• Resolvendo os problemas mediante a negociación de abaixo cara arriba.
• A economía urbana cara a sostibilidade
• A equidade social para a sostibilidade urbana
• Usos do solo con criterios sostíbeis
• Patróns de mobilidade urbana sostíbel
• Responsabilidade cara o clima global
• Prevención da contaminación dos ecosistemas
• O autogoberno local como una pre-condición
• Os instrumentos e ferramentas para a xestión urbana cara a sostibilidade.

Documentos relacionados



Compartir: