MEDIO AMBIENTE

O barrio das Fontiñas acolle o quinto circuíto de saúde de Santiago de Compostela

26/01/2011 "As Fontiñas xa non é un barrio exclusivamente de xente moza como era hai 20 anos, cando se construíu; agora é un barrio no que habitan veciños e veciñas de todas as idades, e para todas as idades é este novo circuíto de saúde", indicou a concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, na presentación do novo equipamento instalado no Parque Carlomagno.

A edil manifestou a súa "especial satisfacción, porque este é un paseo que xa agora é moi utilizado precisamente para o exercicio físico, e que mesmo recentemente foi incluído no Itinerario Verde Urbano, un fermoso paseo paralelo á rúa Roma, con escasa pendente e que muda coas estacións, por exemplo, enchéndose no verán de flores das hortensias e das acacias do Xapón".

"Agora, como complemento de todas as potencialidades que ofrece este espazo verde, instalamos este circuíto que foi deseñado para a mellora da condición física xeral dos individuos", explicou Elvira Cienfuegos, detallando que "son máquinas que inciden na parte superior ou na inferior, que contribúen á tonificación dos distintos músculos, das pernas dos brazos, do abdome, das costas, e que axudan a fortalecer o sistema cardiovascular ou a mellorar a capacidade respiratoria. Sobre todo, valerán para fomentar a convivencia e a ocupación do tempo libre en practicas saudables".

Segundo indicou a concelleira, "en total son catorce elementos que poden ser utilizados por calquera persoa, con independencia da súa condición física, aínda que é evidente que se debe adaptar o ritmo e a intensidade do esforzo ás capacidades físicas de cada usuario e acompañar unhas sinxelas recomendacións que están recollidas nos paneis como: agardar un tempo despois de comer, beber auga con frecuencia, evitar as horas de calor intenso, facer os exercicios dun xeito progresivo, asegurarse antes da boa colocación antes de iniciar os exercicios, entrar e saír con precaución, se se nota mareo interromper, etc". Non obstante e para facilitar e mellorar o seu uso, en colaboración co CSC das Fontiñas, o xoves día 3, ás 18:00 horas, está prevista unha sesión de formación con persoal especializado.

Motores da calidade de vida
Os parques e zonas naturais de Santiago son auténticos promotores de saúde, de benestar social, mental e físico, e son espazos que cumpren distintas funcións ambientais, patrimoniais e socias. Os espazos verdes de Compostela contan con equipamentos diversos para distintas idades: para a infancia, para a mocidade, para os adultos e para os mais maiores. A todo isto hai que engadirlle ademais unha rede de sendeiros que se unen hoxe mediante o recentemente habilitado Itinerario Verde Urbano, tamén de uso para todas as idades.

Nesta liña de actuación, de equipar os parques con elementos que enriquezan o seu uso, inclúese o circuíto de saúde aberto ao público en Fontiñas. Un circuíto que é xa o quinto co que conta a cidade e que se une aos xa instalados no Parque Eugenio Granell, na Alameda, en Salgueiriños e no Parque da Constitución. A instalación deste circuíto vén a satisfacer unha demanda veciñal dun dos barrios con maior densidade de poboación de Santiago e que ademais está moi preto, e polo tanto pode dar tamén servizo a outras dúas zonas nas que existe demanda como son os barrios de San Lázaro e das Cancelas.

Compartir: