TURISMO

Santiago logra 1.436.527 pernoctacións no 2010, cun crecemento do 21,4% respecto do 2009 e do 9,7% respecto do 2004

26/01/2011 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os datos do INE sobre as pernoctacións na cidade no Ano Santo Compostelán 2010. Xosé Manuel Iglesias dixo que "os datos do INE amosan que Santiago viviu un gran ano no tocante ás pernoctacións. Santiago foi o motor turístico de Galicia, cun crecemento que dobrou o crecemento do país. Ao mesmo tempo, foi o principal destino, acumulando unha de cada 5,7 pernoctacións".

Santiago obtivo 1.436.527 pernoctacións no 2010, o mellor dato da serie histórica do INE, cun crecemento do 21,4% respecto do 2009 e do 9,7% respecto do Ano Santo Compostelán do 2004. Isto significa que Santiago creceu o dobre que Galicia, que subiu un 10,1% respecto do ano pasado e un 4,1% respecto do 2004. O crecemento estatal foi do 5,9% entre 2010 e 2009.

A cidade rexistrou 1.028.970 pernoctacións de turismo doméstico e 407.557 de turismo internacional no último ano. O turismo doméstico creceu un 23,8% respecto do 2009 e un 3,5% respecto do 2004. O turismo internacional medrou un 15,8% respecto do 2009 e un 29,2% respecto do 2004. Pola súa banda, Galicia tivo un total de 8.196.536 pernoctacións, das cales 6.816.386 foron de turismo doméstico e 1.380.150 de turismo internacional. O primeiro creceu un 9,4% respecto do 2009 e un 1,2% respecto do 2004. O segundo creceu un 13,7% respecto do 2009 e un 21,3% respecto do 2004.

Promoción internacional e liñas de baixo custo
Santiago acumulou no 2010 unha de cada 5,7 das pernoctacións totais que se producen en Galicia. Respecto do turismo internacional, Santiago acumulou unha de cada 3,4. Neste sentido, Iglesias apuntou que "Santiago non só é o motor turístico de Galicia, senón o seu principal destino, especialmente para o turismo internacional".

Segundo Iglesias, "comparando en detalle os datos entre o 2010 e o 2004, vemos que o crecemento entre Anos Santos, tanto en Santiago coma en Galicia, produciuse grazas sobre todo ao turismo internacional. O turismo internacional en Santiago entre 2010 e 2004 creceu en 92.030 pernoctacións, fronte ás 35.264 máis do turismo doméstico, e en Galicia creceu en 242.210, fronte ás 80.368 de crecemento das pernoctacións domésticas".

O concelleiro atribuíu este aumento do turismo internacional a dous factores: ao traballo de promoción internacional que se fixo nestes anos pasados, que consolidou a Santiago nos mercados obxectivos e abriu novos mercados, e á implantación das liñas de baixo custo en 2005 a partires do impulso de Turismo de Santiago, coa colaboración da Asociación Hostalería Compostela, a Cámara de Comercio e a Xunta de Galicia.

Consolidando a desestacionalización
Por meses, obsérvase que o Ano Santo consolidou o proceso de desestacionalización que se está fomentando dende Turismo de Santiago nos últimos anos. No 2010 superáronse as 100.000 pernotacións en oito meses do ano. Neste aspecto, abril e novembro lograron superar esa cifra. Tamén cabe destacar que setembro e outubro tiveron máis pernoctacións que o mes de xullo.

Segundo Iglesias, "a análise por meses tamén permite comprobar que o primeiro trimestre do ano foi moi frouxo, quedándose en cifras moi baixas respecto das expectativas propias dun Ano Santo. Estes datos confirman que a promoción do Xacobeo que fixo a Xunta de Galicia a finais do 2009 e comezos do 2010 foi un erro, con mensaxes e accións que diluían a presenza de Santiago nunha campaña xenérica de Galicia".

Neste sentido, o edil lembrou que houbo dúas razóns que centraron a atención do Ano Santo en Santiago: por unha banda, a actuación das forzas vivas da cidade e do Concello reclamando un cambio nesa promoción, e o anuncio da visita do Papa, que tivo lugar na primeira semana de marzo.
Santiago foi a cidade que máis creceu en termos porcentuais e que máis pernoctacións acumulou das Cidades Patrimonio e da España Verde, consolidando o seu liderado nestes grupos compostos polas nosas cidades comparables como destino turístico, por diante de cidades como Bilbao, que tivo 1.219.863 pernoctacións; Córdoba, 1.102.193; Salamanca, 969.962; ou San Sebastián, 990.080.

Documentos relacionados



Compartir: