URBANISMO E INFRAESTRUTURAS

Un paso inferior segregará o tráfico do futuro centro comercial das Cancelas do que circule pola avenida do Camiño Francés

26/01/2011 Os concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón, e de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, presentaron o novo nó de enlace que se construirá na confluencia da avenida do Camiño Francés coa rúa do Monte dos Postes e coa avenida de Xoán Paulo II. O proxecto contempla un paso inferior polo que pasarán os vehículos que circulen polo Camiño Francés, separando o tráfico desta vía do xerado polo futuro centro comercial das Cancelas.

Por riba do paso inferior, de 320 metros de lonxitude, situarase unha rotonda completa, aberta e con catro pasos peonís (dous deles en pasarela), un en cada unha das vías que confluirán nela. Así, con esta rotonda e co paso inferior evítanse posibles conflitos no tráfico rodado e facilítase tamén o tránsito peonil.

Esta solución aumenta as alternativas de movementos rodados, de xeito que a comunicación norte-sur teña unha continuidade sen interferencias: avenida de Xoán Paulo II - Monte dos Postes - rúa de Lisboa e transversais. En canto á comunicación leste-oeste, os vehículos poderán circular polo paso inferior ou ben xirar na nova rotonda.

O proxecto desta obra foi aprobado na Xunta de Goberno do 25 de xaneiro. A nova infraestrutura conta cun orzamento de 2.955.500 euros máis IVE e un prazo de execución de 12 meses. O custo é asumido pola Xunta de Compensación do SUNP-4 do Camiño Francés.

En paralelo co reactivado centro comercial
O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, explicou os detalles da obra, cuxo comezo se estima para antes do verán. Neste sentido, a edil de Urbanismo, Mercedes Rosón, indicou que o obxectivo é que estas obras se desenvolvan en paralelo ás do centro comercial, unha vez que se reactivou este proxecto.

Dada a amplitude do vieiro do Camiño Francés e mesmo a disposición de bandas de estacionamento laterais, non será necesario interromper o tráfico completamente en ningún dos dous sentidos mentres duren as obras, segundo indicou Rama.

Documentos relacionados



Compartir: