NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Nova edición de "Memorias dun neno labrego" para celebrar os 50 anos da obra

25/01/2011 A Concellería de Normalización Lingüística e a Editorial Galaxia promoveron a celebración do 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, coa presentación da nova edición da obra. O acto tivo lugar no Centro Social de Novacaixagalicia (praza de Cervantes), e contou coa presenza do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

O acto comezou coa intervención dun neno, que recitou as primeiras palabras de Memorias dun neno labrego: "Eu son Balbino, un rapaz de aldea...". A continuación, unha rapaza deu paso ás diferentes intervencións, comezando polo director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes. A continuación falaron o responsable do prólogo da obra, Xesús Alonso Montero; o autor, Xosé Neira Vilas; e o alcalde.

Para concluír o evento, o actor e director de teatro Cándido Pazó fixo un breve apuntamento escénico sobre o seu espectáculo baseado en Memorias dun neno labrego. Neira Vilas asinou tamén exemplares da súa obra.

Memorias dun neno labrego foi publicado por primeira vez o 5 de xaneiro de 1961 en Bos Aires, Arxentina, onde Neira Vilas se atopaba emigrado dende 1949.

Compartir: