TURISMO

Santiago e Tanabe promocionan xuntos en Fitur os Camiños de Santiago e de Kumano

20/01/2011 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; o director da Oficina de Promoción Turística de Xapón en París, Koichi Miyazawa; e o responsable da Oficina de Promoción Turística de Tanabe, Brad Towle, farán unha presentación conxunta en Fitur dos camiños de Santiago e de Kumano Kodo, que son as dúas únicas rutas de peregrinaxe declaradas Patrimonio da Humanidade.

Esta presentación enmárcase dentro do Plan de Accións de promoción conxunta posible grazas ao convenio de colaboración entre ambas cidades que se asinou en Santiago o 24 de outubro de 2008. Esta colaboración permitiu a creación da páxina web www.spiritual-pilgrimages.net, onde se describen as orixes e as similitudes entre ambos camiños. A páxina pode consultarse en castelán, inglés e xaponés.

Neste período tense desenvolvido unha ampla serie de accións, que están permitindo consolidar a imaxe de Santiago no mercado xaponés, vinculando o Camiño de Santiago a unha ruta espiritual considerada sacra na cultura nipona. Esta ruta foi declarada Patrimonio da Humanidade no 2004.

Unha das accións máis interesantes foi a colaboración no traballo de Christina Oiticia, muller de Paulo Coelho. A obra da artista brasileira está moi influída pola súa peregrinación a Santiago de Compostela, que fixo en xullo e agosto do 1990. Dende entón ten feito múltiples exposicións sobre o Camiño. En febreiro do 2009 participou nunha viaxe de promoción con Turismo de Santiago en Xapón, amosando as similitudes entre o Camiño de Santiago e o de Kumano.

Ademais, grazas a este convenio de colaboración, Santiago e Tanabe promocionáronse conxuntamente nas grandes feiras mundiais do turismo: JATA de Tokio, WTM-Londres, ITB-Berlin, BIT-Milan e ABAV de Brasil, e nas oficinas de información turística do aeroporto de Osaka e da principal estación de tren de Tokío, onde os visitantes poden atopar material promocional sobre ambas rutas.

O traballo continuado de promoción no mercado xaponés, un dos mercados internacionais máis atractivos para Santiago, dado ao nivel de gasto dos turistas xaponeses, que ademais acostuman facer turismo cultural de calidade, está dando os seus froitos, como reflicten os datos de consultas no oficina de información turística de Turismo de Santiago. No 2010 atendeuse un 139% máis de consultas de turistas xaponeses que no 2009 e un 183% máis que no Ano Santo Compostelán do 2004.

Compartir: