ALCALDÍA

O Concello preséntalle á Universidade de Santiago a proposta de convenio para impulsar a nova Facultade de Medicina

20/01/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha xuntanza co reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, para falar da futura nova sede desta última. Da reunión, indicou Sánchez Bugallo, extráese unha "plena coincidencia de criterios" no apoio a Medicina e á construción do edificio educativo.

O Concello presentoulle á USC o convenio que impulsará a construción da Facultade de Medicina, documento que "toma como punto de partida o presentado ao anterior equipo decanal", afirmou o alcalde. Presentado o convenio, Sánchez Bugallo espera "unha resposta positiva e rápida da USC".

Segundo o convenio, o Concello comprometeríase a, no prazo de dous anos dende a sinatura, a entregar á USC os terreos do grupo San Ignacio de Loyola, coñecido popularmente como Banco do Pobre. Tamén se establece un prazo de seis anos para entregar as parcelas situadas en fronte.

A USC adquiriría o compromiso de buscar financiamento para acometer as obras, que terán un custo duns 20 millóns de euros só para a construción do edificio. Logo quedaría buscar tamén financiamento para a dotación da futura facultade. A institución académica tamén deberá entregar ao Concello unha parcela no Burgo das Nacións.

Con todo, o alcalde recordou os avances significativos producidos neste tema nos últimos meses, como a aprobación definitiva en outubro do Plan Especial do Campus Universitario. Polas mesmas datas tamén se formalizou a cesión patrimonial de Emuvissa ao Concello de dúas parcelas en Volta do Castro, de 1.905 metros cadrados cada unha e con capacidade para unhas 32 vivendas, que servirán para realoxar aos propietarios de vivendas de San Ignacio de Loyola.

Na reunión tamén se produciron outros dous acordos. Así, o Concello asumirá de inmediato o mantemento do alumeado do Campus Universitario. Ademais e en base á incorporación de remanentes, destinarase unha cantidade para "actuacións no Campus Universitario que melloren a súa imaxe".

Cidade da Cultura
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde tamén se volveu a referir aos accesos á Cidade da Cultura, para reiterar a súa "necesidade prioritaria". Sobre a conexión coa autopista AP-9, recordou que o Ministerio de Fomento autorizara á Xunta de Galicia en 2003 a redactar un proxecto de conexión sempre que esta asumira a construción dun terceiro carril na autopista. "En 2004, o proxecto non foi autorizado porque non incluía este terceiro carril".

Volvendo á actualidade, agarda que a Xunta e o Ministro de Fomento cheguen a un acordo co fin de que esta conexión se poida acometer agora coa ampliación da AP-9. Non obstante, afirmou que o titular de Fomento, José Blanco, lle comunicou que "o tema aínda non está resolto", malia ter recibido unha carta do presidente da Xunta respecto a este tema.

Sánchez Bugallo reclamou o "impulso político necesario" para acometer esta actuación, a pesar das reticencias que suscita entre os técnicos de Fomento, que apostan non por unha conexión directa coa autopista, senón a través dun quinto carril que levaría a conexión ata San Lázaro ou o Castiñeiriño. Explicou que a ampliación do tramo Santiago Norte-Santiago Sur deixará catro enlaces en 11 quilómetros (quilómetros 64, 67, 72 e 75), "cifra que se sitúa no bordo máximo para os técnicos". De concretarse, o quinto enlace situaríase en torno aos quilómetros 69 e 70.

Sinalización do Gaiás
Seguindo coa Cidade da Cultura, o rexedor municipal dixo ter recibido do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, unha carta solicitando a sinalización dos accesos ao Gaiás. Indicou que o proxecto xa se está elaborando, polo que "confío en ter instalada esta sinalización na primavera, e se pode ser antes de Semana Santa, mellor".

Na resposta ao conselleiro, Sánchez Bugallo lembroulle tamén a necesidade de que lle transmita ao Ministerio de Fomento a mesma petición para as estradas da súa competencia, como son a autopista e o periférico.

EDAR
Finalmente, e tras unha conversa mantida coa ministra de Medio Ambiente, Rosa Aguilar, e co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Félix Fernández, indicou que o Ministerio lle transmitiu a Augas de Galicia unha proposta para a futura estación depuradora de augas residuais (EDAR). Segundo esta, acuaNorte (Sociedade Estatal Augas da Conca do Norte), entidade filial do Ministerio, acometería a obra financiando a parte estatal e adiantaría a parte correspondente á Xunta, que podería optar entres tres fórmulas de financiamento.

Segundo lle comunicou o presidente da CHMS ao alcalde, Augas de Galicia dixo que "contestaría no mes de maio". Sánchez Bugallo dixo non entender que "se o teñen claro as dúas partes, non sei porque hai que esperar a maio, pero non seremos nós os que nos rachemos as vestiduras por esperar ata maio. Se ten que ser así, que sexa así".

O alcalde reiterou a súa posición contraria a que se reabra o debate sobre a situación da depuradora, recordando que "calquera modificación suporía ter que realizar un novo estudo de impacto ambiental e un retraso de dous anos". Na súa opinión, este retraso podería implicar tamén a perda de fondos europeos cos que se financiará en gran medida esta obra.

Compartir: