TURISMO

O libro de receitas de "Santiago(é)Tapas" gaña o premio Gourmand ao mellor deseño dun libro de cociña de España

19/01/2011 O Libro de Receitas de Santiago(é)Tapas vén de recibir o premio Gourmand ao mellor deseño dun libro de cociña de España, o que lle permitirá participar no Gourmand World Cookbook Awards, onde competirán os libros gañadores de cada país polo premio "Best in the World" de cada categoría. Os premios Gourmand World CookBook son considerados os máis importantes do mundo no sector gastronómico. Na edición do ano 2009 participaron 6.000 libros de 136 países, o que dá unha idea da súa dimensión global.

A publicación foi unha das novidades máis importantes do concurso do ano 2010, que celebrou unha edición especial con maior duración por motivo do Ano Santo. No libro recóllense as 109 receitas de tapas presentadas a concurso, con fotos de alta calidade de cada unha das tapas, feitas por Ivan Nespereira. Ademais, inclúense as tapas que resultaron gañadoras dalgún premio nas dúas edicións anteriores. Trátase dun libro colectivo que en case 300 páxinas sintetiza a creatividade gastronómica de Santiago.

A publicación foi presentada o 7 de xullo de 2010 polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o responsable comercial de Baía Edicións, Xoán Manuel Pazos, xa que se trata dunha coedición de Turismo de Santiago e Baía Edicións, que xa ten publicados varios libros sobre gastronomía. O deseño do libro correu a cargo da empresa compostelá Marujas Creativas.

O libro está redactado en tres idiomas, galego, castelán e inglés, para que servise como unha ferramenta promocional de Santiago e a gastronomía da cidade. Editáronse 3.000 exemplares, que se puxeron á venda na oficina de información de Turismo de Santiago e en 400 librerías de toda Galicia e 300 do resto do resto de España.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo considera que este premio é "un aval ao traballo que se desenvolve en Turismo de Santiago, onde se presta especial atención á calidade e ao coidado da imaxe que se quere transmitir da cidade en todo o seu material promocional, incluído o Libro de Receitas de Santiago(é)Tapas. Tamén quixo agradecer a colaboración de Baía Edicións na edición do libro e o traballo desenvolvido por Marujas Creativas no deseño do libro.

Santiago(é)Tapas 2010 foi un evento organizado por Turismo de Santiago e promovido polo Concello de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela. O patrocinador privado principal foi Estrella Galicia e o patrocinador institucional principal foi Turgalicia. Como copatrocinadores tivo a La Casera, Travelplan e a Asociación Hostelería Compostela.

Compartir: