CONSORCIO

O Consorcio inicia a restauración do edificio barroco da Casa do Cabildo

17/01/2011 A Mesa de Contratación do Consorcio de Santiago adxudicou as obras de restauración do edificio barroco coñecido como Casa do Cabildo, por un importe de 797.207 euros, á empresa Diconsa, especializada en obras de rehabilitación. O prazo de execución é de 12 meses.

Estes traballos contan co apoio financeiro do Ministerio de Fomento que, con cargo ao 1% cultural, achegará ao proxecto a cantidade de 693.028 euros. Deste xeito, a Casa do Cabildo será rehabilitada e adaptada para a súa nova función como parte do Museo das Peregrinacións e de Santiago, cuxa nova sede tamén se está a construír no antigo Banco de España.

O edificio da Casa do Cabildo, que pecha a praza das Praterías polo seu lado sur, é un dos mellores exemplos de barroco compostelán. Proxectada polo arquitecto Clemente Fernández Sarela, foi construída no século XVIII e está considerada unha das máis importantes e coñecidas intervencións da escenografía barroca urbana na cidade de Santiago de Compostela.

Estes traballos de restauración enmárcanse no proxecto global de actuación que o Consorcio está a levar a cabo na praza das Praterías, coa remodelación do edificio do antigo Banco de España para a súa adecuación como sede principal do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Deste xeito, o futuro Museo funcionará repartido en tres localizacións complementarias: a Casa Gótica (actual Museo das Peregrinacións), o antigo edificio do Banco de España e a Casa do Cabildo.

A restauración
As actuacións no inmoble permitirán recuperar todo o edificio e a construción adxacente, situada na esquina coa rúa da Raíña. Actualmente, as dúas construcións presentan un estado de conservación moi deficiente. Todo o conxunto recuperado permitirá incorporar ao uso público un total de 627 metros cadrados, repartidos en planta baixa, primeiro e segundo piso e baixo cuberta. Os traballos respectarán o inmoble considerándoo coma un monumento na súa totalidade.

Para a rehabilitación da súa fachada procederase coma se dun traballo de restauración arqueolóxica se tratase, mentres que no interior unicamente se realizará a renovación dos elementos estruturais e construtivos danados. Dado o novo carácter público que terá o edificio, executarase o equipamento e instalacións imprescindibles para permitir un uso flexible do mesmo no futuro.

A rehabilitación respectará os elementos orixinais que sexan recuperables, tales como vigas e outras pezas de madeira. Tamén adaptará o edificio para persoas con mobilidade reducida, mediante un ascensor instalado no interior do corpo do edificio da rúa da Raíña, que actuará como novo núcleo de comunicación e acceso ás diferentes estancias.

A Casa do Cabildo ou Casa da Estrela
A edificación nace como unha resposta do Cabildo Catedralicio para o peche polo lado sur da praza das Praterías, levantado a modo de tribuna sobre o espazo aberto. O afamado arquitecto Clemente Fernández Sarela comeza as obras en 1755 e remátaas en 1758, deixando constancia no frontispicio coa inscrición "Pro commoditate ac ornato urbis". Nela traballaron, ademais do arquitecto, algúns dos mellores canteiros, carpinteiros e ferreiros da cidade.

Unha das curiosidades da nova construción reside na súa disposición, subordinada á súa situación como un dos peches da praza. De feito, as súas dimensións revelan un edifico estreito e rectangular, con 25 metros de fachada e 3,5 metros de profundidade.

A propiedade orixinal correspondía ao propio Cabildo Catedralicio e, tras a desamortización, saíu a poxa pública, pasando a mans privadas. Os que foron os seus últimos propietarios herdárona en 1988. Dende 1990 foi obxecto de pequenas reparacións e, logo da aprobación do Plan Especial da Cidade Histórica en 1997, inícianse os trámites para a redacción dun Plan Director. Neste sentido, cómpre lembrar que o edificio ten catalogación de nivel 1, a da máxima protección. O Plan Director de restauración remátase en 2006, e en 2008 o edificio pasa á titularidade do Consorcio de Santiago, que inicia o proceso de recuperación e a súa incorporación ao dominio público no futuro Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Compartir: