URBANISMO

Responsables de Urbanismo das grandes cidades debaten sobre as infraestruturas necesarias para a chegada do AVE

13/01/2011 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, participou na Coruña nunha nova xuntanza do grupo de traballo que reúne de forma periódica aos responsables municipais nesta materia das sete grandes cidades galegas. Nesta ocasión falaron sobre as infraestruturas necesarias para a chegada do AVE a Galicia.

Ademais da concelleira compostelá participaron na reunión, celebrada no Palacio de María Pita, a tenente de alcalde coruñesa, Obdulia Taboadela, que exerceu de anfitrioa; e os concelleiros de Urbanismo de Lugo, María Novo; Ourense, Áurea Soto; e Ferrol, Ángel Mato. Escusaron a súa ausencia no encontro os responsables municipais de Vigo e Pontevedra.

A reunión enmárcase nos encontros informais periódicos que manteñen os concelleiros de Urbanismo das sete grandes cidades galegas con fin de coordinar o seu traballo, analizar as distintas novidades da lexislación urbanística e intercambiar experiencias de xestión e boas prácticas.

Ademais, en cada reunión trátase de forma monográfica un asunto de especial interese. O asunto desta última convocatoria foi a posta en marcha das grandes infraestruturas necesarias para a chegada do Tren de Alta Velocidade a Galicia e as reformas urbanísticas que leva aparelladas, como son a construción de grandes estacións intermodais capaces de acoller as novas infraestruturas ferroviarias e as modificacións nos accesos ás urbes. Todos os asistentes subliñaron a súa satisfacción polo compromiso e a implicación do Ministerio de Fomento co proxecto do AVE a Galicia, que suporá un impulso decisivo para o seu desenvolvemento económico e social.

Compartir: