CONSORCIO

O Consorcio de Santiago realiza traballos de mantemento no Teatro Principal

12/01/2011 O Consorcio de Santiago, no marco das súas políticas de recuperación do patrimonio histórico da cidade, está a realizar diferentes traballos de mantemento no edificio do Teatro Principal, situado na rúa Nova. As obras, executadas pola empresa Neorsa, terán un custo de 100.878 euros e consistirán principalmente en eliminar humidades e arranxar o escenario e os almacéns.

Estas pequenas reparacións e obras de restauración están encamiñadas a resolver problemas ou carencias para mellorar o servizo ofrecido polo Teatro como edificio cultural. As primeiras actuacións permitirán atallar as humidades en diferentes puntos das escaleiras e corredores. Tamén se prevé construción dunha nova tarima para o escenario, en madeira de 4 centímetros de espesor, e unha nova estrutura que a sosteña.

No almacén situado na parte posterior ao escenario serán reparados o pavimento e as paredes e elaboraranse novos estantes de almacenamento. Por último, no soto do edificio instalaranse novos condutos de ventilación, provistos dun sistema mecánico de extracción.

O edificio do Teatro Principal foi trazado por Prado y Vallo en 1841, e dende entón é o corazón da actividade cultural no casco histórico. Con anterioridade, o Consorcio de Santiago realizou diferentes obras de rehabilitación no edificio en 1996 (235.000 euros) e 2004 (458.745 euros).

Compartir: