FESTAS

Os Reis Magos repartiron caramelos e ilusións baixo a choiva entre os nenos e nenas de Santiago de Compostela

05/01/2011 Un Nadal máis e malia a intensa choiva, as familias compostelás saíron á rúa para participar na tradicional Cabalgata de Reis. As súas Maxestades repartiron ilusión entre os máis novos, que os seguiron no seu percorrido ata a praza do Obradoiro.

Como cada ano, os Reis Magos chegaron en tren a Compostela. Alí foron recibidos pola Corporación e pola Banda Municipal, para logo emprender un percorrido polas rúas. Sete carrozas e unha comitiva de 200 figurantes, escoltados por tres escuadróns de heraldos a cabalo e outros 4 escuadróns de heraldos a pé participaron na Cabalgata. Os Reis e os seus paxes repartiron 3.000 quilos de caramelos sen glute, aptos para os celíacos.

Chegados á praza do Obradoiro, os Reis dirixíronse ao pazo de Raxoi, onde foron recibidos polo alcalde. A continuación, o rei Melchor dirixiuse dende os balcóns aos nenos e nenas presentes na praza.

E tras un breve discurso, os máis pequenos puideron entreterse no Obradoiro co espectáculo de Bob Esponxa e os seus amigos. Ao tempo, os nenos e nenas ían pasando por Raxoi para deixarlle as súas peticións ás Maxestades de Oriente.

Compartir: