TURISMO

As cidades Patrimonio da Humanidade de España asinan convenios de colaboración con Turespaña e coas Fundación Nelson Mandela

26/01/2006 O concelleiro de Turismo do Concello Santiago de Compostela, Francisco Candela, participou xoves 26 de xaneiro na sinatura de sendos convenios do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España
con Turespaña, para a súa promoción conxunta no exterior en 2006, e coa Fundación Nelson Mandela, en apoio aos seus proxectos solidarios. Estes convenios foron asinados no marco da Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra en Madrid.

As once cidades españolas con distinción da UNESCO (Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia e Toledo) e o secretario general de Turismo, Raimon Martínez Fraile, subscribiron en FITUR o plan anual de actuación para a promoción turístico-cultural do GCPHE en 2006.

Este plan prevé a asistencia á feiras como a ITB de Berlín (no mes de marzo) e a JATA de Tokío (no mes de setembro; xornadas en China (en maio), Centroeuropa (en setembro), e Australia e Sudáfrica (outubro).

O plan contempla tamén accións directas de marketing nos mercados italiano, británico e alemán, fam-trips de turoperadores xaponeses e norteamericanos e presentacións para prensa e axentes en Nova York e Toronto.

O acordo contempla así mesmo un plan de comunicación, viaxes de familiarización e prensa, así como accións de marketing coa colaboración das oficinas españolas de turismo das capitais europeas.

Convenio coa Fundación Nelson Mandela

O segundo acordo recolle o apoio das once cidades á realización dos ‘2.006 kilómetros polos nenos de Nelson Mandela’, un percorrido simbólico que Hendrik Jacobus Fourie, presidente do ‘Nelson Mandela Children’s Fund’ en España e Francia, realizará a pe por ambos países para impulsar proxectos solidarios en Sudáfrica.

As Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas convértense desta maneira en organización colaboradora da iniciativa, e verán o seu logotipo incluíso en todo o material informativo e publicitario que xere a acción, así como na páxina web www.mandela-ninos.org.

Ademais, cada cidade propoñerá unha ruta de carácter cultural ou de natureza dentro do seu territorio para que poida ser incorporada a esta marcha.

Presentación de Compostur
O venres 27, último día reservado aos profesionais en FITUR, o salón de actos do stand de Turgalicia será escenario da presentación de Compostur , o turoperador oficial de Santiago de Compostela e primeiro de España en combinar a participación pública e privada.

O concelleiro de Turismo, Francisco Candela, e o adxudicatario do servizo, José Oreiro, explicarán aos asistentes os obxectivos da empresa, nacida para a comercialización integral dos produtos turísticos de Santiago de Compostela e do Camiño de Santiago, e amosarán o funcionamento do portal www.SantiagoReservas.com que permite a reserva de aloxamentos, servizos turísticos e paquetes temáticos desde calquera parte do mundo.

Compartir: