FESTAS

O Nadal continúa na carpa da praza Roxa con actividades gratuítas de cultura urbana

30/12/2010 A Concellaría de Xuventude e Festas prosegue coa súa programación para o Nadal. Os máis novos poderán pasar unhas horas de lecer na carpa da praza Roxa o luns 3 e o martes 4 con actividades de cultura urbana gratuítas. Haberá xogos de rol e talleres de recortables tropa Korrigan, Wahammer, Infinity e Carcassone, entre ás 11:30 e as 13:30 horas.

O luns 3 pola tarde, entre as 19:30 e as 21:30 horas, está programada a actuación do Dj compostelán Mil. Dj Mil deuse a coñecer hai varios anos na escena underground de Santiago, actuando en locais da cidade. Gravou a súa primeira maqueta, Scratch Planet, e alcanzou unha boa crítica na revista especializada Hip Hop Nation. En 2009 entra a formar parte de Tramaturgia, un grupo emerxente de Santiago, cos que grava o seu primeiro disco. Con eles actúa nas salas e festas máis importantes da cidade e por varios puntos da provincia, compartindo cartel con iconos do hip hop español como Kultama, De la Hoja ou Hermano L. Nese ano grava tamén a súa demo Efecto Sonoro, na que se estrea como productor. Pola súa conta organizou o Feel the Vinyl Tour xunto a Dj Webo (504) e Dj Cytral (PalaPeña), actuando en Santiago, Vigo e Pontevedra.

Conseguiu en 2009 o terceiro posto en categoría individual na eliminatoria de Asturias de DMC e compartiu escenario con grandes do panorama galego como Dios Ke Te Crew. En 2010 autoeditou o seu primeiro disco, Rockstarz EP, coa colaboración de PalaPeña, Riván, e os estadounidenses Trippz e ThatKidNamedCee.

Compartir: