CONSORCIO

O Consorcio de Santiago restaura a balaustrada de pedra do Pazo de Raxoi

29/12/2010 O Consorcio de Santiago, no marco das súas políticas de recuperación do patrimonio histórico da cidade, acaba de rematar unha intervención rehabilitadora na balaustrada da terraza do Pazo de Raxoi, edificio neoclásico situado na praza do Obradoiro e que, actualmente, é sede do Concello de Santiago, da Presidencia da Xunta e do Consello da Cultura Galega.

A obra consistiu en diferentes traballos de cantería que permitiron corrixir deficiencias, tales como a inestabilidade, roturas, desgastes e a falta de axuste entre as pezas que conforman a varanda. Para elo, un equipo de canteiros procedeu ao desmonte e posterior reconstrución do corpo pétreo da balaustrada. O Consorcio investiu nestes traballos un total de 27.600 euros.

A balaustrada rehabilitada está situada na terraza da primeira planta do Pazo de Raxoi, que asoma sobra a rúa da Trindade. Este edificio neoclásico de finais do século XVIII foi mandado construír polo Arcebispo Bartolomé Rajoy y Losada como seminario de confesores. Tamén acolleu un colexio de acólitos e de nenos cantores da Catedral e unha cárcere.

Compartir: