CULTURA

Elena de la Merced e Josep-Miquel Ramón, protagonistas do concerto inaugural do festival Todo Lírica 2010

28/12/2010 Co Nadal chega de novo Todo Lírica, un proxecto creado hai dez anos pola Concellaría de Cultura e a Asociación Galega da Lírica, e que dende a súa primeira edición baixo o nome de Festival de Zarzuela de Santiago xa deu exitosos froitos artísticos e de público. O ciclo segue o formato de recitais de voz e piano das anteriores edicións, e nesta ocasión, a do décimo aniversario, consta de tres concertos. Un sólido elenco de novos cantantes que atesouran prestixio e experiencia actuarán no escenario do Teatro Principal entre o 29 de decembro e o 4 de xaneiro.

Os encargados de inaugurar Todo Lírica 2010, o mércores 29 de decembro, son unha parella de prestixiosos e experimentados cantantes valencianos, a soprano Elena de la Merced e o barítono Josep Miquel Ramón, que ofrecerán un variado programa baseado en dúos de ópera. A primeira parte inclúe cancións e dúos dos románticos Schumann e Mendelssohn e de dous compositores españois actuais, o aragonés Antón García Abril e o barcelonés Miquel Ortega. Tras o descanso poderán escoitarse dúos de óperas de Mozart, Haydn, Martín i Soler e Donizetti (que inclúen páxinas moi coñecidas de As vodas de Fígaro mozartianas e de O elixir de amor de Donizetti) e algunha sorpresa musical navideña.

Elena de la Merced consolidou un sólido prestixio cunha carreira sempre ascendente, tanto de crítica como de público, que a levou a actuar en moitos dos máis importantes teatros de ópera (Scala de Milán, Washington, Los Angeles, Teatro Real de Madrid, Boloña, La Fenice de Venecia, Viena, París, Liceo, etc.) con directores do renome de Maazel, Viotti, Armiliato, Frühbeck de Burgos, García Navarro, Malgoire, etc. Non queda á zaga a carreira do tamén valenciano Josep-Miquel Ramón, barítono que foi convifado por grandes orquestras internacionais (Filharmónica de Nova York, Filharmónica de Dresde, Sinfónica de Berlín, Filharmónica de Israel, Orquestra da RAI de Torino, Les Talents Lyriques, etc.) e reputados directores (Jacobs, Zedda, Maag, Marriner, Varviso, Christophers, Maazel, etc).

No piano neste primeiro concerto de Todo Lírica 2010 estará un vello coñecido do público compostelán, un habitual que non faltou á súa cita co ciclo dende a primeira edición, o vasco Rubén Fernández Aguirre. Nado en Barakaldo hai 36 anos, é un dos pianistas con maior reputación a nivel nacional e vén de recibir o premio Ópera Actual 2010 na categoría de novo artista español "pola súa dedicación á lírica e o crecente prestixio que está acadando neste campo". Actuou nos principais auditorios e festivais europeos e é pianista habitual de cantantes da categoría de Carlos Álvarez, Ainhoa Arteta, Ismael Jordi, Nancy-Fabiola Herrera, José Manuel Zapata, Celso Albelo, Isabel Monar, José Antonio López, Mariella Devia, Cristina Gallardo-Domas, Leontina Vaduva, Simón Orfila, Isabel Rey, Mariola Cantarero, Manuela Custer, etc.

Están xa á venda os abonos para os tres concertos (15 euros) e as localidades soltas para cada concerto (6 euros) no servizo de venda de entradas de Caixa Galicia e na billeteira do Teatro Principal.

Compartir: