FESTAS

Unha festa multimedia e pirotécnica despedirá o 2010 dende a praza da Quintana

28/12/2010 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou en rolda de prensa a festa de Noitevella, un espectáculo multimedia e pirotécnico organizado en colaboración co Consorcio de Santiago para despedir o Ano Santo e dar a benvida ao 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago, que se celebrará durante o 2011. O orzamento da actividade é de 60.000 euros.

"A festa está pensada para que os verdadeiros protagonistas sexan as persoas presentes na Quintana. Cun mellor tempo que o ano pasado esperamos encher a praza", indicou Baqueiro. O evento comezará ás 23:00 horas co reparto do cotillón e das uvas. Nesta ocasión, Baqueiro anuncio que se contará coa colaboración do actor e humorista galego Carlos Blanco, que actuará como "un auténtico mestre de cerimonias" para introducir a festa-espectáculo de fin de ano.

Ás 23:50 horas a Torre da Berengela estará iluminada por varias proxeccións a cargo da empresa Thematica, que xa foi a responsable dos efectos audiovisuais dos Fogos do Apóstolo, acompañando á empresa de Vicente Caballer.

Xa cos cuartos, o público da praza verá o reloxo da Berenguela iluminado, dando paso ao son das doce badaladas. De seguido, haberá unha explosión de luz, son e fogos artificiais. A continuación, a festa continuará na praza do Obradoiro coa música e bailes da orquestra Olympus, de Negreira.

Compartir: