ALCALDÍA

As obras da estación do AVE iniciaranse no 2012 e rematarán no 2014

27/12/2010 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha reunión co presidente de Adif, Antonio González Marín, á que asistiron responsables da entidade e da que saíu "moi satisfeito" polos resultados acadados. No encontro quedou expresamente recollida a petición municipal de deixar prevista a conexión entre o Hórreo e o barrio de Pontepedriña, a conexión soterrada entre o Hórreo e a avenida Clara Campoamor, e a do Hórreo coa avenida de Lugo.

Segundo explicou o alcalde ao remate da reunión, haberá un único concurso para a redacción do proxecto da estación do AVE e do Plan Especial para a área ferroviaria, posto que será o mesmo equipo multidisciplinar quen se faga cargo dos dous documentos en paralelo, aínda que non será necesario agardar á aprobación e tramitación do segundo para licitar as obras da estación do AVE.

Con carácter provisional, mentres se constrúe a nova estación habilitarase a vella cun orzamento de 2,4 millóns de euros para que funcione dende decembro de 2011 ata o 2014. Espérase que se poidan licitar e iniciar as obras da nova estación en 2012 e que se rematen no 2014. A previsión inicial é que pasen pola estación do AVE de Santiago máis de 4 millóns de persoas, sen incluír os viaxeiros da estación de autobuses. Na actualidade, empregan a estación de tren un 1,5 millóns de viaxeiros.

Compartir: