COMERCIO

"Santiago é Camiño... tamén para as túas compras", a nova campaña promocional do comercio compostelán

27/12/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Comercio, Emprego e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a nova campaña de Compostela, Capital de Compras, que, baixo o slogan "Santiago é Camiño... tamén para as túas compras" busca consolidar o comercio compostelán como un referente da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. A Concellaría busca así investir na promoción do comercio da cidade. En concreto, serán 25.020 euros os dedicados a esta campaña e á de "Pequenos detalles que fan grande o pequeno comercio".

Neste ano 2010, dende a Concellaría centrouse o lema na idea do Camiño. Deste xeito, refórzase o papel do comercio de Compostela como unha referencia da cidade, como un elemento fundamental na configuración do destino, como meta do Camiño de Santiago. É dicir, Santiago como camiño de peregrinación onde na meta existe un comercio de calidade e diversificado no que realizar as túas compras.

Os soportes escollidos para levar a cabo a campaña son os seguintes:

- Publicidade de gran formato no aeroporto Sa Carneiro de Oporto O formato escollido foi un cartel suspendido no aire de 12 metros de longo por 3 de ancho colocado na zona de facturación do aeroporto cunha ampla visibilidade tanto dende a zona de facturación como de embarque, ao ser dobre cara. Estará colocado durante un mes e está dirixido ao target de clase media-alta de entre 35 e 45 anos.

- Publicidade no blog "Oportocool" Dada a importancia e uso das novas tecnoloxías, optouse por este blog centrado en "compras e estilo de vida". Búscase aquí un target máis novo. Este blog ten máis de 40.000 visitas mensuais (70.000 visitas en outubro de 2010), 5.000 amigos en Facebook e 850 persoas subscritas á súa newsletter.

Esta campaña, que ten 10.620 euros de orzamento, vén a complementar a campaña de defensa e promoción do pequeno comercio da cidade que o concelleiro de Promoción Económica presentou o 14 de decembro co lema "Pequenos detalles que fan grande o pequeno comercio. Merca en Santiago. Merca no pequeno comercio" e que foi elaborada en consenso coas entidades comerciais da cidade.

Mentres "Pequenos detalles..." ten como obxectivo potenciar as compras no pequeno comercio e na nosa cidade; Compostela Capital de Compras tenta atraer principalmente ao público portugués para que veña comprar a nosa cidade, animándoos así a adentrarse un pouquiño máis en Galicia e, concretamente, en Santiago de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: