CENTROS SOCIOCULTURAIS

Inaugúrase a exposición "Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!" no CSC de Fontiñas

23/12/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou xunto co secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, a exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!, que estará no Centro Sociocultural de Fontiñas ata o 2 de xaneiro. Trátase dunha mostra itinerante de carácter divulgativo que quere rachar, aproveitando o 125 aniversario do seu pasamento, os tópicos que existen arredor da poeta máis internacional das letras galegas. Está producida pola Fundación Manuel María e conta co apoio da Deputación da Coruña.

Segundo García Conde, "a pesar de ser a principal figura da nosa cultura, Rosalía segue a ser moi descoñecida e esta mostra axuda a que poidamos interpretala mellor no seu contexto". Ansede, como representante da Fundación Manuel María, abondou nesta cuestión: "A pesar de que esta exposición ten unha pretensión fundamentalmente divulgativa, non renuncia ao rigor documental, xa que quere desfacer tópicos que pesan como unha lousa sobre a figura de Rosalía, como o de ser un epifenómeno tardío da literatura española ou de ter carácter feble e ser unha chorona".

Ansede reivindicou a figura da padronesa como "primeira espada da literatura universal", asegurando que está documentado "todo o contrario" da febleza: "era valente, radical, revolucionaria e moi adiantada ao seu tempo". "Era tamén moi culta, informada, con dotes para a representación teatral, para a música, con coñecemento de idiomas e con vontade de ferro para abrirse paso nun momento no que ser escritora non era unha posibilidade para unha muller", afirmou, "cando moitas outras asinaron con pseudónimos masculinos, ela sempre o fixo como muller e defendeu con valentía o seu idioma, así como dirixiu a súa obra ás clases populares a pesar de saber que non ía ser lida por elas nese momento".

A exposición, comisariada polo profesor da Universidade da Coruña Diego Pardo, articúlase en cinco caixas de luz compostas de vinte paneis, nos que se fai unha explicación clara e sintética dos eventos biográficos e literarios fundamentais de Rosalía. Xa percorreu os concellos de Arteixo, Boiro, Fisterra, Melide, Padrón, Carballo, As Pontes, Ferrol, A Coruña e agora Santiago.

Ademais, dende a web da Fundación Manuel María -www.manuelmaria.com- poden descargarse os paneis da mostra, xunto cunha unidade didáctica para os centros educativos e un vídeo no que se condensan os valores da obra rosaliana.

Ansede explicou tamén as razóns polas que a Fundación do poeta da Terra Chá realiza unha exposición sobre Rosalía: "As dúas tarefas fundamentais da Fundación son mercar a casa natal do poeta e que a súa obra estea presenta nas librarías: publicar os seus escritos inéditos e que se reediten as súas obras descatalogadas. Sen embargo, fixemos dúas excepcións: unha mostra sobre Uxío Novoneyra, que era moi amigo de Manuel María, e outra sobre Rosalía aproveitando o seu 125 aniversario, que era a autora pola que máis devoción sentía Manuel".

Compartir: