MEDIO AMBIENTE

A piques de rematar as obras de restauración do río Corgo no barrio de Salgueiriños

23/12/2010 "As obras de restauración do curso do río Corgo están xa practicamente finalizadas; agora imos dar un tempo prudencial para a consolidación da zona verde, e en breve toda a veciñanza poderá desfrutar desta ampliación do parque, que supón unha grande mellora da calidade ambiental no ámbito dos Salgueiriños e a súa zona de influencia". Así o indicou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, nunha visita que realizou a esta área de Salgueiriños.

A edil lembrou tamén que este proxecto "respondeu a unha demanda veciñal e ademais estaba recollida no acordo de goberno asinado para este mandato municipal". "O que fixemos foi unha pequena intervención coherente co plan parcial previsto para ese espazo, con financiamento procedente dos fondos de emprego e sustentabilidade local, dos que se destinan 515 373 euros á execución da obra, que finalmente vai quedar rematada antes do previsto a pesar de condicionantes como o tipo de basamento e a limitación económica", apuntou.

Outra das características fundamentais desta intervención foi, segundo Cienfuegos, "a compatibilidade da actuación co futuro desenvolvemento do plan parcial, conxuntamente co favorecemento e a posta en común do proxecto coa veciñanza da zona". "Cumprimos cos obxectivos que nos tiñamos marcados: mellorar a calidade visual, ambiental e paisaxística do barrio, así como mellorar na accesibilidade e seguridade viaria; en definitiva unha mellora integral na plurifuncionalidade da zona", dixo a concelleira. No sentido da seguridade viaria e en resposta á demanda veciñal, retranquearanse en breve os valados de protección da obra para permitir o paso polo paseo peonil paralelo á rúa Manuel María, aínda que a retirada dos valados se retrase ata a consolidación da nova zona verde.

Mellora ambiental e urbana
Coa finalización destas obras a anterior praza asfaltada de 24.000 metros cadrados fica agora reducida a 12.000, nos que se habilitou un espazo suficiente e adecuado para o mercado tradicional dos xoves. Definíronse 228 postos de 5,70 x 5 metros, con corredores de 3,5 m, nunha distribución máis apropiada para a compra-venda, similar á doutros mercados da zona.

A nova zona verde de mais de 10.000 metros cadrados, de superficie irregular, conta cunha pequena carballeira que lembra á prevista no plan parcial de Gallego Jorreto e cunha zona con céspede e árbores atravesada por camiños, dende a que se pode acceder ao mercado. Varias pontes de madeira e unha lagoa realzan o protagonismo do río Corgo na súa volta á superficie despois de varias décadas sepultado pola explanada do antigo mercado de gando.

Características da intervención

• Recuperouse o curso e o proceso fluvial do río Corgo, retirando a capa de recheo e asfalto, deixando á vista a circulación da auga, fixando as beiras coa vexetación propia da ribeira e conformando ao seu arredor unha zona verde, dando así continuidade o curso do río e ao actual parque dos Salgueiriños.

• Pola propia zona verde, deuse continuidade á beirarrúa da rúa Manuel María, de xeito que se mellorou a seguridade peonil.

• Introduciuse unha zona arborada no límite da praza coa rúa de Melide e facilitase a conexión entre a praza e a rúa, antes impedida polo desnivel e a bionda.

• Confórmase unha zona verde, carballeira, no límite co actual parque, avanzando así no definido no plan parcial.

• Deixouse contra a rúa de Melide unha praza, para aparcamento, mercado dos xoves e outros usos, establecendo puntos de acceso a ela dende a propia rúa de Melide, dende a zona verde, dende a rúa de Manuel María e dende o aparcamento contiguo, que está a unha cota máis baixa.

Compartir: