SANIDADE

O Refuxio de Animais de Bando rexistrou 1.251 ingresos e 1.179 saídas nos once primeiros meses deste ano

23/12/2010 De xaneiro a novembro, o Refuxio de Animais de Bando rexistrou 1.251 ingresos e 1.179 saídas de animais. Sumado o balance de entradas e saídas de 2010 (72), cos animais rexistrados en 2009, o centro ten rexistrados a día de hoxe (sen contabilizar os datos de decembro) 633 animais, dos que 523 son residentes, 100 están en acollida temporal ou definitiva e outros 10 están en trámites de adopción fóra do centro. O Refuxio de Animais está xestionado pola Fundación do mesmo nome da que, ademais de Santiago, forman parte os municipios de Teo, Ames, Boqueixón, Brión e Vedra.

En canto aos ingresos nestes once meses de 2010, destacan polo seu número os producidos nos meses de verán: 161 en xullo e 145 en agosto. Dos ingresos rexistrados, 871 foron cans (453 machos e 418 femias) e 360 gatos (181 machos e 179 femias). O maior número de saídas produciuse precisamente nos dous últimos meses de outubro (176) e novembro (146).

De xeito anecdótico, tamén chegaron ao Refuxio pombas, tres curuxas e ata pavos reais. A maioría dos animais foron levados ao centro por cidadáns (309) ou polo laceiro (464). Tamén é significativo o número de animais ingresados polos donos dos mesmos e os traídos polo persoal dos outros concellos integrantes da Fundación.

Das 1.179 saídas producidas no que vai de 2010, 441 foron adoptados e 174 recollidos polos propios donos dos animais. Do total de exemplares adoptados ou en acollida (546), 322 eran cans (128 machos e 194 femias) e 224 gatos (114 machos e 110 femias).

De todos estes datos extráese que, na actualidade, o Refuxio de Animais ten 523 residentes. Ouros 100 animais están en acollida e dáselles saída progresivamente cando se formaliza a adopción. Finalmente, 10 son animais non residentes cuxa vacinación e revisións hixiénico sanitarias son atendidas polo centro. Os voluntarios que os acollen son os encargados de xestionar cun terceiro a adopción definitiva.

Compartir: