ALCALDÍA

O alcalde afirma que os orzamentos de 2011 colocan a Santiago en "moi boa posición" para afrontar a saída da crise

23/12/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou como "austeros" e "realistas" os orzamentos de 2011, cuxo proxecto foi aprobado inicialmente esta semana pola Xunta de Goberno. Malia a redución, destacou que estas contas "garanten o mantemento de todos os servizos, prestan unha especial atención aos máis desfavorecidos e prevén a apertura dos novos equipamentos".

Sánchez Bugallo valorou igualmente que os orzamentos prevén, a través dos solos industrias e residenciais que desenvolverá EMUVISSA, "investimentos moi importantes que axudarán a facer fronte á crise". Tal é o caso dos polígonos industriais de Formarís e Costa Vella 3, en proceso de licitación co obxectivo de que comecen as obras en maio de 2011.

Dos orzamentos salientou tamén o esforzo por reducir a débeda, que "a día 31, é de 64 millóns de euros, que representa un pouco máis do 71% dos nosos gastos correntes, por debaixo do 75% establecido legalmente para poder recorrer a endebedamento; e en 2011 esperamos estar por debaixo do 60%". Segundo indicou, con este esforzo planificado, previsto xa no Plan Económico e Financeiro, "estaremos nunha moi boa posición e en mellores condicións" de afrontar un escenario de crecemento "que agardamos se produza a partir de 2012". Nesta liña recordou que nestas contas tamén se apostou por non recorrer ao crédito.

Os orzamentos serán sometidos á aprobación inicial do Pleno o vindeiro xoves, 30 de decembro, nunha sesión ordinaria que se celebrará a partir das 18:30 horas.

Financiamento universitario
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde falou tamén de financiamento universitario. "Sen entrar a valorar se a Xunta podería facer máis esforzo ou non, ao que Galicia non pode renunciar é a ter unha universidade de calidade", indicou, xa que isto implicaría que "non seguise evolucionando e unha perda de competitividade".

Para que isto non suceda, dixo, "a Universidade deberá recortar aqueles gastos menos necesarios, sen descartar a priori ningunha hipótese de financiamento". Así, citou a posibilidade do capital privado e do autofinanciamento.

Estación intermodal
O alcalde referiuse tamén á reunión que manterá o vindeiro luns 27 co presidente de ADIF, Antonio González Marín, para afrontar o futuro da estación do AVE. Tras recordar a proposta actual de emprazamento, 60 metros máis lonxe do previsto inicialmente, apuntou que "non nos parece de todo ben, pero non a discutimos", apelando ás razóns técnicas esgrimidas polo ente ferroviario.

"A primeira condición que poñiamos, que a estación seguira estando conectada directamente coa beirarrúa, foi aceptada", dixo. Sobre o emprazamento proposto, destacou igualmente que "permitiría adecuar a estación vella ao proxecto e que esta seguira funcionando mentres non está a nova, pero isto obriga a reformular a zona".

"O que nós queremos é que o que se faga agora non hipoteque o futuro: nin o aparcadoiro, nin o paso inferior por debaixo das liñas do tren, etc", defendeu o rexedor compostelán. En calquera caso, indicou, "esperamos que se chegue pronto a unha solución e se encargue o proxecto da estación canto antes".

Compartir: