EDUCACIÓN

Xornada de portas abertas e un concerto para comezar Nadalxogo 2010

22/12/2010 O xoves 23 de decembro inaugúrase no Multiusos Fontes do Sar o programa Nadalxogo 2010. E para comezar, celebrarase unha xornada de portas abertas das 17:00 ás 21:00 horas. E ás 19:00 horas, concerto inaugural de balde a cargo de Pablo Díaz, que presentará o seu traballo Tic-Tac.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurará esta edición de Nadalxogo, ás 19:00 horas. Neses intres comezará o concerto de Pablo Díaz, dirixido a nenos e nenas ata os 14 anos e ás súas familias.

Tic-Tac é un traballo musical do cantautor Pablo Díaz no que, dunha maneira lúdica, se fai un percorrido por distintos ritmos, abarcando a universalidade da música. Aparecen melodías e instrumentos moi variados para enriquecer esa música.

O tratamento musical tamén varía de tema a tema. As cancións abordan cada unha un ritmo musical distinto ou unha temática diferente. E con varios instrumentos: da música clásica, do jazz, do folk e mesmo da música tradicional.

Dentro do disco Tic-Tac aparecen diversas temáticas. Hai temas coñecidos por todos os nenos de Compostela, como "Un, dous, tres, que ves?", e tamén cancións nas que se fai referencia a elementos da casa e da cociña, a natureza, o mar ou os animais. Cómpre salientar que é un traballo para compartir entre pais e fillos.

Documentos relacionados



Compartir: