CIDADE HISTÓRICA

A rúa do Espírito Santo estrea o seu novo e humanizado aspecto

19/12/2010 Popularmente coñecida como a rúa de Abaixo, a rúa do Espírito Santo foi reformada integralmente mediante a reurbanización e a redefinición dos seus espazos públicos, ampliando a humanización deste vieiro. O seu novo novo aspecto foi inaugurado polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, nun acto no que tamén participou a concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira.

As obras supuxeron a substitución de beirarrúas, chanzos, e demais elementos por novas lousas de granito, que favorecen os usos peonís sobre a circulación rodada. "O que pretendimos con isto é que a percepción sexa a de transitar por un espazo para a xente polo que os vehículos poidan circular, mais dun xeito secundario e orientados pola secuencia dunhas luminarias empotradas no pavimento que ordenarán sutilmente os usos do espazo", indicou Olga Pedreira.

O enlousado de pedra ocupa agora todo o primeiro treito da rúa, xa que nesta parte non foi posible a separación da circulacións rodada e peonil. No segundo tramo ancheáronse as beirarrúas, que continúan en lousa, mentres que na calzada introduciuse adoquín negro, para no final da rúa facer a transición á praza de Ultreia co uso de formigón.

Supresión dunha das plataformas de pedra do borde leste
Sobre as plataformas de pedra, onde se sitúan as tradicionais arquetas das conducións históricas da auga, a concelleira de Rehabilitación indicou que "se recuperaron para o uso veciñal, tendo así un maior espazo para aproveitar, construíronse novos accesos ás vivendas e mesmo unhas escaleiras ao final da plataforma que permiten non ter que recuar sobre os nosos pasos ao pasear polas mesmas, podendo facer un percorrido completo ao redor deste espazo".

Resaltou tamén a importancia que tivo "a restauración da fonte como elemento singular, recuperando o espazo ao seu redor como unha zona de lecer para a veciñanza que conta agora cos equipamentos necesarios, máis bancos e máis árbores entre outros". A fonte constitúe un elemento fundamental para a identidade da rúa e do barrio xa que "é unha testemuña da memoria histórica da cidade, e co acoutamento do seu espazo circundante, que agora estará máis elevado que o resto da rúa, conséguese a súa posta en valor".

En total, actuouse nunha superficie de máis de 2.175 metros cadrados, cun investimento de 572.000 euros que foron financiados no marco do convenio asinado coa antiga Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia.

Compartir: