CONSORCIO

O Consorcio de Santiago aproba un orzamento de 11,6 millóns de euros para 2011

17/12/2010 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o Consello de Administración do Consorcio de Santiago. Na reunión aprobouse un orzamento de 11.650.181 euros para o exercicio 2011, destinados desenvolver os proxectos e programas do organismo interadministrativo, orientados a promover as políticas de recuperación urbana e de dinamización turístico-cultural da cidade, ademais da atención dedicada ao Programa de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica.

Por áreas, destinaranse 2,18 millóns de euros a plans de Recuperación Urbana, que serán distribuídos entre as axudas de rehabilitación e o plan de mantemento de edificios, a intervención en monumentos e elementos mobiliarios de valor histórico-artístico; o programa de mantemento de lousados da cidade histórica e a dotación do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana. Tamén se financiarán o inicio dos traballos para a futura construción en Santiago do Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción.

Aos programas de Información, Estudo e Interpretación da Cidade Histórica asignaranse 1,23 millóns de euros, unha cantidade que se utilizará para continuar co desenvolvemento do Sistema de Información Patrimonial (SIP), dar continuidade ao Programa URBE e ao programa de publicacións.

Canto aos programas de Dinamización Turístico e Cultural, o Consorcio dedicará un orzamento de 6,32 millóns de euros, co que continuar as diferentes iniciativas de programación cultural na cidade, o programa de divulgación científica ConCiencia e a xestión da actividade da Real Filharmonía de Galicia. Neste sentido cómpre destacar que dende 2011 a Escola de Altos Estudos Musicais quedará integrada no Consorcio de Santiago, que se encargará da súa xestión e financimento. Por outra banda, destinaranse 330.000 euros para a urbanización do novo espazo xerado ao redor do edificio do Museo de Historia Natural, que se está a construír no interior do parque de Vista Alegre.

Ademais, o Consorcio destinará 720.000 euros para financiar o programa relacionado co 800 Aniversario da Consagración da Catedral de Santiago, evento declarado de excepcional interese público e que se desenvolverá en 2011. Esta achega verase completada cos ingresos procedentes da captación de patrocinios relacionados co evento, que serán destinados á financiación das obras do Plan Director da Catedral e a exposicións e ciclos musicais.

En relación cos ingresos achegados polas administracións consorciadas, a aportación do Estado para 2011 é de 7.421.000 euros, a da Xunta, 2.070.000 euros, e a do Concello, 1.554.000 euros. Os ingresos patrimoniais e outros ingresos ascenden a 604.000 euros. Porcentualmente, o Estado aporta o 63,70%, a Xunta o 17,77% e o Concello o 13,34%.

Programación plurianual
O Consello de Administración deu tamén o visto bo á Programación plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2011-2014, que prevé investimentos por valor de 16.461.762 euros. Por programas, destinaranse 14,4 millóns de euros a aqueles relacionados coa recuperación urbana, 1,27 millóns de euros á información e estudo da cidade histórica e 645.000 euros á dinamización turístico-cultural. Estes máis de 16 millóns de euros en investimentos permitirán, entre outras, as seguintes actuacións:

- Continuación dos diferentes programas de rehabilitación e mantemento de edificios e vivendas. (2,2 millóns de euros)

- Continuación de actuacións de rehabilitación en edificios monumentais da cidade, con especial atención a edificios civís que precisen de obras de envergadura, tales como o Pazo de Raxoi, a Facultade de Xeografía e Historia e o Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval. (3,1 millóns de euros)

- Mantemento do espazo público na cidade histórica, con especial atención ao mantemento de enlousados de pedra. (2,2 millóns de euros)

- Adquisición de terreos para o futuro parque urbán das Brañas de Sar e do parque arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte. (3 millóns de euros)

- Financiar os estudos básicos do Plan Director de Infraestruturas para Cidade Histórica (auga e saneamento, alumeado público, subministro enerxético, transporte urbano e comunicacións). (1 millóns de euros)

- Implantación en Santiago do Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación da Fundación Laboral de la Construcción. (2,3 millóns de euros)

- Apoio ao desenvolvemento en América Latina a través do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana. (600.000 euros)

- Completar operacións de inversión xa comezadas, tales como o Museo de Historia Natural ou as novas sedes do Museo das Peregrinacións e de Santiago (antigo Banco de España e edificio da Casa do Cabildo), e ampliación do Sistema de Información Patrimonial, ferramenta informática de xestión de todos os datos físicos e históricos relacionados coa cidade histórica. (1,6 millóns de euros)

Compartir: