VIVENDA

Compromiso para o financiamento de novas fases das áreas de rehabilitación e das urbanizacións da Muíña e Lamas de Abade

17/12/2010 A concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, participou na Coruña na Comisión Bilateral de Vivenda. Na mesma, asinou coa secretaria de Estado de Vivenda, Beatriz Corredor, e co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o convenio para o financiamento das diferentes fases das ARI de Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico. Ademais, o Ministerio de Fomento comprometeuse a achegas para as urbanizacións dos solos da Muíña e Lamas de Abade.

As actuacións en materia de rehabilitación afectan a 159 vivendas das áreas de rehabilitación integral (ARI). Correspóndense coa décimo segunda fase da ARI do Casco Histórico (82 vivendas), coa segunda fase da ARI de Pontepedriña (55 vivendas) e coa quinta fase da ARI de Vista Alegre (22 vivendas).

Ademais, na Comisión Bilateral de Vivenda aprobouse declarar a Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago, que incluirá a unhas 100.000 vivendas situadas nos municipios polos que discorren as devanditas rutas. Esta declaración abre a porta á súa futura rehabilitación con apoio do financiamento do Estado. Neste punto cómpre salientar tamén que se aprobou o compromiso para financiar a rehabilitación de 573 vivendas en varios municipios comprendidos na Área de Rehabilitación Integral do Camiño de Santiago Francés.

Acordo para urbanizar solo para 755 vivendas
Na Comisión Bilateral, Beatriz Corredor comprometeu 1.285.900 euros para a urbanización dos solos residenciais do SUNP-5 da Muíña e do SUNP-12 de Lamas de Abade. Para o primeiro dos solos, nos que se levantarán 414 vivendas (403 delas protexidas), Fomento achegará 788.075 euros. No caso de Lamas de Abade, onde se construirán 341 vivendas (253 protexidas), o investimento estatal será de 497.825 euros.

Compartir: