ALCALDÍA

As prioridades dos orzamentos de 2011 serán a atención aos máis desfavorecidos e a calidade dos servizos básicos

17/12/2010 O proxecto de orzamentos para 2011 será aprobado pola Xunta de Goberno o martes 21 de decembro, segundo anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Son unhas contas que se reducen un 10% respecto ás de 2010, pero que atenderán, segundo indicou, a tres prioridades: atender os sectores sociais máis desfavorecidos, garantir a calidade dos servizos básicos e completar o xa empezado.

Sánchez Bugallo apuntou que tanto o capítulo de ingresos ordinarios ser manterá en termos semellantes a 2010, compensando a suba dunhas partidas co incremento doutras. Xa nos gastos ordinarios, destacou a minoración adicional dun 15% que se producirá no gasto voluntario, que se suma á de entre un 30% e un 40% aplicada no exercicio anterior. En calquera caso, asegurou, esta diminución "non vai afectar aos servizos básicos".

No eido dos investimentos, sumados os contemplados xa nos orzamentos e os remanentes que se incorporarán en febreiro, o total estará entre os 17 e 20 millóns de euros. A cifra para investimentos en 2010 fora de 38 millóns de euros, pero recordou neste punto que a redución débese á que en 2011 non haberá Plan E e tamén serán inferiores as achegas doutras administracións en base a convenios. Tal é o caso do de travesías ou do dos espazos do Casco Histórico. Ademais, engadiu, o Concello non vai a recorrer a ningún crédito no vindeiro exercicio.

Tras a súa aprobación pola Xunta de Goberno, os orzamentos pasarán pola Comisión Informativa de Facenda, co obxecto de sometelos á aprobación inicial do Pleno na sesión ordinaria deste mes de decembro. As contas serán presentadas en rolda de prensa o martes pola concelleira de Facenda, Rosa Fernández.

Maior e mellor rendemento dos investimentos en Lavacolla
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde tamén se referiu aos últimos datos aeroportuarios ofrecidos por AENA, que confirmaron a suba do tráfico de viaxeiros en Lavacolla, de xeito que este 2010 se podería pechar cunha cifra duns 2,2 millóns de viaxeiros, segundo anticipou.

Para Sánchez Bugallo, estas cifras "poñen en evidencia que o aeroporto con mellores resultados é, con diferenza, o de Santiago". Neste sentido, quixo deixar claro que "o rendemento do investimento en Lavacolla é maior e mellor".

Compartir: