PLENO

A Corporación municipal aproba a conxelación de todos os impostos e prezos públicos e da meirande parte das taxas

17/12/2010 Unha vez estudadas e rexeitadas as alegacións presentadas, o Pleno da Corporación Municipal aprobou esta mañá definitivamente a modificación das ordenanzas fiscais. Tal como explicou a concelleira de Facenda, Rosa Fernández, a medida tradúcese "na conxelación de todos os impostos, a conxelación de todos os prezos públicos, a conxelación da meirande parte das taxas e unha actualización moderada de cinco ordenanzas: as relacionadas co ciclo da auga e do estacionamento de vehículos e grúa exclusivamente para poder atender as necesidades dos veciños, non crear déficit e garantir os servizos básicos cos mesmos niveis de calidade".

As cinco ordenanzas fiscais modificadas actualízanse de acordo ao incremento do IPC, "cuxa referencia ao efecto se establece no 1,8% (período agosto 09 - agosto 10), aínda que non ten a mesma incidencia aos efectos dos incrementos da taxa", comentou. As afectadas son as ordenanzas 3.14, 3.15, 3.17, 3.18 e 3.07, que regulan o saneamento, depuración e consumo de auga, o estacionamento e a retirada de vehículos.

"Son todas elas taxas vinculadas aos servizos prestados por empresas privadas cuxa revisión se establece nos propios contratos que se subscribiron no seu día coas ditas empresas, con excepción da ordenanza 3.07 que regula a expedición de documentos administrativos", indicou a concelleira.

Revisións de acordo aos contratos
As ordenanzas 3.14, de saneamento e depuración de augas residuais, e 3.15, relativa ao subministro de auga e conservación de contadores aprobáronse inicialmente cunha modificación da cota tributaria que suporá un 1,29% como consecuencia da aplicación do coeficiente corrector que establece o propio contrato que regula a prestación deste servizo.

As ordenanzas 3.17 e 3.18, relativas ao estacionamento de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas e á retirada de vehículos das vías públicas municipais, respectivamente, incrementaranse nu 1,8%, de acordo á suba do IPC, segundo o prego de cláusulas dos contratos. "Neste caso, ao contemplar a propia ordenanza as fraccións de tempo de 5 en 5 céntimos de euro, a repercusión da actualización faise sobre o tempo e non sobre o importe", aclarou Rosa Fernández.

A outra ordenanza que se modifica é 3.07, de expedición de documentos administrativos. A mesma xustifícase pola recomendación dos técnicos, que segundo a edil, "consideraban que a taxa pola expedición da tarxeta de residentes que ata a actualidade estaba incluída na ordenanza 3.17 debe de estar regulada nesta ordenanza".

Rexeitadas as alegacións
Na súa intervención, relatou as alegacións presentadas, "fundamentadas en todos os casos na falta de estudio económico que asegure a adecuación da modificación proposta ao custe do servizo e en que non foron tidas en conta as prescricións do artigo 24.4 do TRFL que establece que para determinar a contía das taxas poderán terse en conta criterios xenéricos de capacidade económica dos suxeitos obrigados a satisfacelas".

Fronte a isto, Rosa Fernández aclarou que o TRFL "só recolle a obriga do estudo económico no suposto de establecemento, non de modificación das Ordenanzas, mentres que a Lei 8/89 tamén o esixe no suposto de modificación das mesmas". Ademais, engadiu que a aplicación ás entidades locais das previsións contidas na Lei 8/89 foron analizadas pola xurisprudencia do propio Tribunal Supremo nunha sentenza do 7 de febreiro de 2009.

Examinadas as reclamacións e á vista da xurisprudencia, concluíuse que "a esixencia do estudo económico-financeiro opera para os casos de establecemento e modificación de taxas, pero non nos supostos de simples actualizacións en base á variación do IPC", indicou. Por esta razón, rexeitáronse as alegacións e aprobáronse definitivamente as ordenanzas.

Compartir: