NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Novi Ius Avogados, o restaurante O Dezaseis e Atlántica de Información e Comunicación de Galicia reciben os Premios Manuel Beiras

16/12/2010 O Concello e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregaron os galardóns da décimo primeira edición dos Premios Manuel Beiras. Nesta ocasión os premiados foron o gabinete Novi lus Avogados, o restaurante O Dezaseis e Atlántica de Información e Comunicación de Galicia.

O gabinete xurídico Novi Ius Avogados (rúa Fernando III O Santo, 32) recibiu a distinción dentro da categoría de Incorporación ao uso do galego. Trátase dun despacho de avogados de recente creación que introducen a lingua galega no seu día a día. Este uso do galego aínda non é moi frecuente nun sector como o xudicial, pero os responsables de Novi Ius apostan por esta opción lingüística.

Na categoría de Uso continuado da lingua galega alzouse co galardón Casa de Xantar O Dezaseis –www.dezaseis.com–, que dende a súa apertura hai 15 anos utiliza como base estratéxica de comunicación a lingua galega e fai unha aposta pola cultura, arte e gastronomía galegas no seu local de restauración (rúa de San Pedro, 16).

Finalmente, a distinción especial recaeu na Atlántica de Información e Comunicación de Galicia (www.temposdixital.com), pola súa decidida aposta polo noso idioma en todas as súas publicacións periódicas como a coñecida revista Tempos Novos. Esta sociedade constituíuse en 1997 con 150 fundadores e socios representativos de diversas tendencias e sensibilidades políticas, sociais e culturais de Galicia, co obxecto de editar publicacións alternativas e de calidade (rúa dos Porróns, 8-2º, Meixonfrío).

O premio ten un contido simbólico e non supón ningunha prestación económica. O motivo de premiar ás empresas radica en que son un sector económico de capital importancia para conseguir a normalización do idioma na vida cotiá. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade. De maneira simbólica, os premiados recibiron unha escultura de Acisclo Manzano deseñada, en exclusiva, para estes premios.

No acto e cea de gala estiveron presentes o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; a concelleira de Participación Cidadá e Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez; e o vicepresidente da entidade cameral, Evaristo Rodríguez Carracedo; entre outras personalidades de Compostela.

Compartir: