CULTURA

"A Nona", de Teatro do Morcego, estará no Principal o 18 e o 19 de decembro

16/12/2010 Dentro da programación da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, esta fin de semana -sábado e domingo ás 21:00 horas- poderemos asistir ao novo espectáculo de Teatro do Morcego, A Nona, unha comedia grotesca que nos fará rir pero tamén reflexionar.

A Nona, dirixida por Celso Parada, relata a historia dunha familia arxentina de orixe italiana formada por sete membros, na que a avoa ten o costume de comer sen parar. Mentres a familia camiña cara á ruína, procuran os máis diversos camiños para gañar diñeiro (prostitución, mendicidade, enganos, etc.). Nun momento de desesperación, a familia comeza a tentar asasinar a Nona, pero son os membros da familia os que van resultando mortos neses intentos por desfacerse dela, ata que, ao final da obra, só queda a Nona.

Teatro do Morcego dedícalle esta obra ao actor Andrés Pazos, recentemente falecido, quen ía interpretar o papel de Nona, e tamén a Suso Díaz, membro de Sarabela Teatro, tamén finado nos últimos meses.

As entradas, a un prezo de 7 euros, están á venda na billeteira virtual de Caixa Galicia, no teléfono 902 434 443 ou na billeteira do Teatro Principal o mesmo día.

Teatro do Morcego é unha compañía fundada no ano 1989 polo actor e director Celso Parada e Isabel Ávila que mantén a súa actividade ininterrompida desde entón. Recibiu premios como os Compostela por Misterio cómico e Doberman, o María Casares por Lazariño de Tormes e foi finalista en varias ocasións. Realizou importantes montaxes, como: O burgués fidalgo, de Molière; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao; A gran ilusión, de Eduardo de Filippo; Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, etc.

Compartir: