DEPORTES

Máis de 600 deportistas competirán no Campionato de España de Karate

16/12/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, acompañados do presidente da Real Federación Española de Karate, Antonio Moreno, presentaron o Campionato de España de Karate cadete, júnior e Copa Sub-21, que se desenvolverá no Multiúsos Fontes do Sar o sábado 18 e o domingo 19 de decembro. 608 deportistas, pertencentes a 17 federacións autonómicas competirán polos títulos nas diferentes categorías.

Sánchez Bugallo amosouse seguro do "éxito deportivo, de benestar persoal e de acollida " deste Campionato de España, que se celebra por segunda vez en Galicia nas súas 37 convocatorias. A nosa comunidade pode presumir de ser unha referencia no eido do karate do conxunto do Estado. Así o demostran os 52 competidores galegos inscritos, só superados en número polas representacións madrileña e andaluza. E dentro dos galegos, 14 son composteláns.

50 árbitros encargaranse de velar pola competición nas modalidades de kumite e kata. As probas da primeira desenvolveranse en seis tatamis cun crono-marcador cada un. O sistema será o de clasificación por eliminatoria directa con repesca, chegando á final os dous mellores karatecas de cada categoría. Na modalidade de kata, a clasificación será por eliminatoria directa de acordo ao sorteo que se realice e segundo a liga que resulte do mesmo.

Compartir: